Cousa de Elviña
A Coruña, xuño-xullo de 2016
Cousa de Elviña, INTRODUCIÓN:
[ I ]
Dende hai máis dunha década, un dos grandes conflitos urbanísticos na Coruña é o que enfronta á veciñanza de Elviña co Plan Parcial do Parque Ofimático, un proxecto de desenvolvemento residencial de iniciativa pública que exemplifica á perfección algúns dos graves problemas e inxustizas que xera o urbanismo na actualidade. Ademais, outro proceso urbanístico, o proxecto de ampliación da avenida de Alfonso Molina, xerou dende hai un tempo unha nova ameaza para Elviña, un lugar, en realidade, xa habituado aos conflitos urbanísticos derivados da súa condición de núcleo de orixe preindustrial e da súa localización no borde da cidade central. O territorio de Elviña (xa moi transformado no último século pola propia avenida, o campus universitario, o polígono de Someso e outras grandes pezas urbanas expulsadas cara a periferia) é, polo tanto, unha auténtica zona quente para as transformacións urbanas e un campo experimental sobre a relación entre a técnica urbanística e os omnipresentes núcleos de orixe rural en Galicia.
O proxecto Cousa de Elviña consistiu na produción, difusión e debate público dun informe técnico sobre por que non se deben desaloxar e destruir dúas das vivendas ameazadas polos plans urbanísticos para Elviña, e materializouse mediante a súa exposición en formato gráfico nos centros institucionais onde se decidirá o seu futuro: o Concello da Coruña (do 4 ao 8 de xullo), a Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito a Vivenda (do 11 ao 15 de xullo) e a sede do Ministerio de Fomento na Coruña (do 18 ao 22 de xullo).
Ademáis, o 22 de xuño realizouse unha xornada de actividades en Elviña na que se fixo un roteiro polo ámbito ameazado polo plan parcial e a ampliación da avenida, unha presentación dos resultados do traballo de investigación realizado, e un debate público coa veciñanza e calquera persoa interesada sobre as alternativas ao plans vixentes que contemplen a conservación das vivendas, as árbores e parte das trazas camiñeiras e catastrais ameazadas.
Este traballo foi realizado dentro da convocatoria do programa Expontáneas da Concellaría de Cultura, Deporte e Coñecemento do Concello da Coruña, polo que contou cun orzamento de 1.500 € que financiou parcialmente a súa realización.
* Cousa de Elviña non sería posible sen a colaboración da veciñanza de Elviña (Samuel, Luis, Pilar, Luis, Loli, Varo, Isabel, Eva, Emilio e moitas persoas máis), a Sociedade Recreativa, Deportiva e Cultural Tempo Novo, o Bar-Ambigú, e a xente das plataformas Stop Desafiuzamentos A Coruña e Elviña Non Se Vende.
[ II ]
Aínda que o proxecto comezou como unha análise centrada nas dúas únicas vivendas de Elviña que dan o fronte á avenida de Alfonso Molina (a de Pilar e a de Pilar e Luís, tamén coñecidas como as da Pereiroa), finalmente rematou converténdose nunha investigación sobre todo o que rodea a estas dúas casas, formulándose como alegato á totalidade dos plans para o ámbito de Elviña afectado, e organizándose ao redor de catro eixos ou perspectivas de análise:
1.- ELVIÑA (escala urbana):
As dúas casas como parte indisociable dunha forma urbana complexa e difusa.
Análise do proceso de transformación urbanística de Elviña no que se reflicte que o conflito co “Parque Ofimático” non é o primeiro ao que se enfrontan os seus veciños, senón que desde mediados do século XX víronse involucrados nun proceso continuo de ocupación, cercamento e desconexión derivado da lóxica institucional que define a Elviña, non como un barrio máis da Coruña, senón como un territorio de “oportunidade” para a expansión da verdadeira cidade. Ademáis, estas dúas casas son unha parte fundamental da realidade urbana de Elviña, xa que converten á avenida nunha rúa do núcleo mentres representan a súa integridade como forma urbana transxénica e difusa que non pode reducirse a unha burbulla patrimonial perfectamente delimitada (como se fixo en Eirís de Abaixo).
2.- AVENIDA DE ALFONSO MOLINA (escala metropolitana):
As dúas casas como singularidade urbana na gran avenida da cidade.
Análise dos valores das tres únicas vivendas unifamiliares cun contacto directo coa avenida de Alfonso Molina, expoñendo as súas condicións formais, funcionais e relacionais que as converten en pezas únicas que, en lugar de estar ameazadas polo urbanismo, deberían estar a ser valoradas como patrimonio urbano, como elementos importantísimos para asegurar a complexidade e a diversidade no futuro da gran avenida por excelencia da Coruña.
3.- PLAN PARCIAL “PARQUE OFIMÁTICO” (escala urbanismo):
As dúas casas como parte dun plan urbanístico inxusto para as persoas e irracional para o territorio.
Análise dos 26 anos do plan parcial “Parque Ofimático”, a primeira gran idea “modernizadora” da era Fraga que, tras décadas de avances e retrocesos é un gran exemplo dalgúns dos problemas aos que se enfronta a práctica e a teoría urbanística na actualidade. A través dunha liña do tempo con todos os fitos destas décadas, unha árbore de decisión onde se reflicte a impotencia dos veciños ante o urbanismo, unha cartografía do proceso de transformación do ámbito afectado polo plan, e un gráfico das relacións conflitivas entre os cinco principais axentes implicados (a Xunta de Galicia, o Concello da Coruña, os veciños das Cernadas, Xuxán, Eirís de Abaixo, Galán e Elviña -os máis presionados polo resto dos actores-, as promotoras inmobiliarias con terreos no ámbito e os cooperativistas de vivenda), reflíctese a irracionalidade das leis e dos sistemas de actuación urbanística, que só fomentan a eliminación de todo o preexistente e o conflito entre as persoas. Desde a perspectiva do urbanismo, estas dúas casas representan polo tanto a resistencia e a memoria, por unha parte, ante a inxustiza dos sistemas de desenvolvemento urbano convencionais (que poden acabar endebedando e convertendo en promotores involuntarios á veciñanza que non quere abandonar as súas casas sen un motivo de interese público obxectivo); e por outra, ante a irracionalidade do urbanismo da tabula rasa, insensible ante todo o preexistente e aínda así ineficaz para lograr os seus fins (o proceso urbanístico do Parque Ofimático comezou hai máis de 25 anos e, como case todo o urbanismo municipal, está amplamente xudicializado).
4.- A PEREIROA (escala ámbito):
As dúas casas como parte dun ámbito aínda reordenable no que explicitar unha política urbanística diferente.
Análise das posibilidades urbanísticas para salvar o único ámbito aínda non transformado completamente polo “Parque Ofimático” (a marxe de Elviña do plan, unha zona coñecida como A Pereiroa), describindo unha boa parte dos seus elementos de valor patrimonial, desde as vivendas habitadas, ata as árbores, os camiños ou os espazos de memoria, que poderían e deberían manterse aínda que a zona se transforme mediante a construción das novas pezas públicas que define o plan.
[ III ]
A reflexión que se espera suscitar con este traballo é que os territorios complexos como Elviña si son unha oportunidade, pero non como espazos “baleiros” e expectantes para o avance da cidade ordenada, senón precisamente como ámbitos diferenciais que engaden diversidade e complexidade á experiencia urbana da Coruña.
A teoría urbana clásica e as lóxicas culturais con máis percorrido político en todos os sectores institucionalizados e autónomos de Galicia tenden a xustificar a necesidade de preservar este tipo de pezas como memoria cultural do mundo preindustrial, rural ou tradicional. Moito máis polo que representan que polo que son. A hipótese que defende este traballo é que as casas analizadas son probablemente as pezas máis radicalmente urbanas nos cinco quilómetros da avenida de Alfonso Molina, e que, como se tenta reflectir nos paneis, son tan relevantes polo que representan como polo que son.
* A intervención urbana formulada ten, no contexto dun programa de “arte e espazo público”, uns obxectivos pouco relevantes na súa materialización formal, pero moi ambiciosos en canto á fenda que tenta abrir: a introdución de dúbidas no pensamento institucional sobre o valor e a lexitimidade destas cousas urbanas sen importancia aparente. Trátase, en definitiva, dunha forma de axudar á veciñanza (a través dun material que o sistema académico non considera investigación, pero que as lóxicas culturais contemporáneas poden chegar a considerar “arte”) a posibilitar o cambio dos plans urbanísticos para Elviña.
Cousa de Elviña, DOCUMENTACIÓN PRODUCIDA:
Pódese descargar o DOCUMENTO COMPLETO en PDF (127 MB) ou cada un dos paneis por separado en JPG ou PDF:
JPG (6,02 MB)
JPG (3,54 MB)
JPG (5,73 MB)
JPG (6,96 MB)
JPG (4,99 MB) / PDF (40,0 MB)
JPG (6,46 MB) / PDF (6,35 MB)
JPG (6,24 MB) / PDF (2,87 MB)
JPG (7,23 MB) / PDF (12,2 MB)
JPG (7,91 MB) / PDF (13,9 MB)
JPG (6,08 MB)
JPG (4,85 MB)
Cousa de Elviña, IMAXES:
XORNADA DE ACTIVIDADES EN ELVIÑA
A Pereiroa + Local da S.R.D.C. Tempo Novo
22 de xuño de 2016
EXPOSICIÓNS
Hall de entrada do
Pazo Municipal
(María Pita)
do 4 ao 8 de xullo de 2016
Escaleiras do edificio da
Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda
(Monte Alto)
do 11 ao 15 de xullo de 2016
Patio central da
Sede do Ministerio de Fomento na Coruña
(Polígono de Elviña)
do 18 ao 22 de xullo de 2016
Salón de actos da
S.R.D.C. Tempo Novo
(San Vicenzo de Elviña)
a partir do 26 de xullo de 2016
Cousa de Elviña, A TRAVÉS DOUTROS MEDIOS: