GAL  |  ESP






DO DESCAMPADO
Á BURBULLA DO
ALUGUEIRO:
OUTRAS
ARQUITECTURAS
E URBANISMOS
NA CIDADE
CONTEMPORÁNEA
Curso impartido por:
Ergosfera

Dentro do programa:
Obradoiros NORMAL  |  Universidade da Coruña

Duración:
30 horas  |  12 sesións x 2 h + 2 sesións x 3 h

Datas:
Do 25 de setembro ao 18 de decembro de 2019

Horario:
Mércores de 19:00h á 21:00h

Lugar:
NORMAL  |  Campus Universitario de Riazor

Inscricións:
Universidade da Coruña  |  Ata o 30 de setembro




INTRODUCIÓN


Do descampado á burbulla do alugueiro: outras arquitecturas e urbanismos na cidade contemporánea é un curso de introdución ás cousas e procesos urbanos que, tendo un impacto directo para a vida nas cidades actuais, enfróntanse a un debate público inexistente ou limitado, moitas das veces por mor dunha falta de recoñecemento académico, institucional ou mediático.

A partir dunha perspectiva crítica-pero-optimista, baseada na premisa de que «a cidade contemporánea non é máis fea cada día: é cada día máis rica» (Manuel de Solà-Morales, 2006), estudaranse diferentes pezas e acontecementos urbanos que, ou ben suxiren novos entendementos para conceptos de uso popular como patrimonio, paisaxe ou interese público, ou ben introducen novos termos que posibilitan lecturas cidadás máis complexas da realidade actual (desde comúns urbanos, xentrificación ou dereito á cidade, ata terrain vague, terceira paisaxe ou cidade xenérica).

No primeiro módulo do curso, Urbanismos e culturas: como nos relacionamos co popular, o imprevisible e o xenérico? (seis sesións de dúas horas), traballarase sobre a relación cultura-cidade a partir de seis casos que materializan valores e conflitos urbanos desde diferentes escalas e condicións: grafiti e palé sobre o popular e a ameaza da súa captura; descampado e "feísmo" sobre o imprevisible e a ameaza do control total sobre territorios e persoas; e Benidorm e McDonald’s sobre o xenérico e a ameaza do prexuízo e da indiferenza.

O segundo módulo, A Coruña non recoñecida: informalidade, diversidade e procesos de transformación (cinco sesións de dúas horas), tratará sobre os lugares da cidade onde se desenvolven usos informais, sobre as pezas e ámbitos que fomentan a súa diversidade urbana e sobre os procesos urbanísticos, comerciais ou inmobiliarios que están a cambiar os barrios da Coruña na actualidade. Desde os asentamentos informais ou a polifuncionalidade dos espazos baixo as grandes infraestruturas, ata as lagoas artificiais-naturais onde aparecen novos ecosistemas non planificados; desde a diversidade de barrios e outros ámbitos de identidade e recoñecemento colectivo, ata as tipoloxías arquitectónicas singulares ou a vida urbana nocturna; desde os procesos de formación de novas centralidades urbanas, ata os que poñen en crise o dereito á vivenda ou a deriva tecno-optimista e controladora da lóxica "smart city".

No terceiro módulo, Investigar e intervir na cidade: algunhas liñas de traballo (unha sesión de dúas horas), expoñeranse brevemente algunhas das prácticas profesionais actuais que permiten imaxinar outras formas máis ou menos estruturadas de entender a intervención urbana. Por outra parte, introducirase o concepto de comúns urbanos, unha das liñas de investigación que máis se están a traballar na última década para repensar o feito urbano desde a superación das dialécticas público-privado ou estado-mercado.

Por último, o cuarto módulo, Roteiros debatidos polos centros e periferias da Coruña (dúas sesións de tres horas), consistirá en dous paseos pola cidade, un polos barrios centrais e outro polos territorios da primeira periferia da Coruña. Os roteiros serán deseñados colectivamente e estarán estruturados para que en cada unha das paradas se poida xerar un pequeno debate entre as persoas asistentes sobre os temas e lugares tratados previamente no curso.



ESTRUTURA E CONTIDOS


Módulo I  |  6 sesións x 2 horas = 12 horas
Urbanismos e culturas: como nos relacionamos co popular, o imprevisible e o xenérico?


  • 1.- Introdución.
  • 2.- Como nos relacionamos co popular?
    • 2.1.- Grafiti.
    • 2.2.- Palé.
  • 3.- Como nos relacionamos co imprevisible?
    • 3.1.- Descampado.
    • 3.2.- "Feísmo".
  • 4.- Como nos relacionamos co xenérico?
    • 4.1.- Benidorm.
    • 4.2.- McDonald’s.


Módulo II  |  5 sesións x 2 horas = 10 horas
A Coruña non recoñecida: informalidade, diversidade e procesos de transformación.


  • 1.- Introdución: novos patrimonios e novas ameazas para a cidade.
  • 2.- Informalidade na Coruña.
    • 2.1.- Usos informais nos intersticios da cidade: a vida urbana dos terrains vagues.
      • 2.1.1.- Descampados.
      • 2.1.2.- Espazos infraestruturais: libres, cubertos e grandes liñas.
      • 2.1.3.- Edificacións sen rematar, abandonadas ou en ruína.
    • 2.2.- Usos informais nos espazos formais.
    • 2.3.- Asentamentos informais? Barrios convencionais con valores e problemáticas particulares.
    • 2.4.- Outras naturezas e terceiras paisaxes: dos cortalumes-avenida ás lagoas artificiais-naturais.
  • 3.- Diversidade urbana na Coruña.
    • 3.1.- Ámbitos e divisións internas da cidade: dos barrios á área metropolitana.
    • 3.2.- O viario como cousa urbana: das rúas da diferenza no istmo da cidade ás estradas-rúa que introducen a Galicia na Coruña.
    • 3.3.- Tipoloxías arquitectónicas singulares.
      • 3.3.1.- A diferenza desde a permanencia e o tamaño: a vivenda unifamiliar.
      • 3.3.2.- A diferenza desde a mestura de usos e formas: a edificación complexa.
      • 3.3.3.- A diferenza desde a altura: a torre.
      • 3.3.4.- A diferenza desde a interioridade do público: a galería comercial e o aparcadoiro subterráneo.
    • 3.4.- A vida urbana nocturna: a cidade 24h.
  • 4.- Procesos de transformación urbana na Coruña.
    • 4.1.- Estrutura e mutación das actividades e centralidades urbanas: das casas de apostas aos centros comerciais.
    • 4.2.- Transformacións materiais derivadas de procesos socioculturais: das fogueiras de San Xoan á lei antitabaco.
    • 4.3.- Novas e vellas materializacións da crise do dereito á vivenda: xentrificación, turistificación, vivenda precaria, acoso inmobiliario e burbulla do alugueiro.
    • 4.4.- A deriva tecno-optimista e a normalización do control urbano baixo a lóxica "smart city".
    • 4.5.- Os grandes proxectos urbanos no debate actual: do futuro dos terreos portuarios á ampliación da avenida de Lavedra.
    • 4.6.- Movementos sociais e construción colectiva da cidade: do CSOA A Insumisa ou Proxecto Cárcere á Stop Desafiuzamentos A Coruña ou Elviña Non Se Vende.


Módulo III  |  1 sesión x 2 horas = 2 horas
Investigar e intervir na cidade: algunhas liñas de traballo.


  • 1.- Prácticas profesionais: de Recetas Urbanas á Forensic Architecture.
  • 2.- Os comúns urbanos: historia, debate actual e perspectivas de desenvolvemento.


Módulo IV  |  2 sesións x 3 horas = 6 horas
Roteiros debatidos polos centros e periferias da Coruña.


  • 1.- Roteiro polos barrios centrais da Coruña.
  • 2.- Roteiro polos barrios da primeira periferia da Coruña.



OBXECTIVOS


- Aprender a identificar e documentar os valores daquelas cousas e procesos urbanos que non contan cun recoñecemento académico, institucional ou mediático, pero que cumpren ou poderían cumprir un papel moi relevante para a vida na cidade contemporánea.

- Adquirir unha visión xeral do urbanismo e dos procesos urbanos que están a transformar actualmente a cidade coñecendo os grandes temas de debate global desde a perspectiva situada da súa materialización na Coruña. Posibilitar unha lectura crítica-pero-optimista da cidade que, desde o convencemento da capacidade de calquera cidadán para posicionarse nos debates urbanos de actualidade, permita complexizar á súa análise e formarse opinións máis matizadas e argumentadas sobre os temas arquitectónicos e urbanísticos con impacto mediático.

- Desde a perspectiva académica e profesional, o curso servirá para imaxinar novos sentidos para prácticas como a arquitectura, o urbanismo ou a investigación urbana, ampliando a lóxica disciplinar con outras perspectivas que introduzan a cultura popular ou o ordinario como condicións lexítimas, é dicir, apostando por un pensamento sobre a cidade desde o radicalmente material, pero en común coa socioloxía, a antropoloxía, a filosofía ou a política.