Roteiro Camiño Negro
Como parte das actividades da exposición Camiño Negro de Damián Ucieda (comisariada por Juan de Nieves e que puido ser visitada en Normal, o espazo de intervención cultural da Universidade da Coruña, entre o 25 de marzo e o 25 de xuño de 2021), o sábado 22 de maio guiamos un roteiro comentado polo trazado do oleoduto que atravesa a cidade desde o peirao petroleiro ata a refinería da Coruña.
INTRODUCIÓN
O poliduto que conecta desde 1964 o peirao petroleiro coa refinería da Coruña xerou unha franxa lineal de espazo libre que atravesa diferentes barrios e condicións urbanas ao longo dos 5,3 km nos que transcorre pola cidade: ámbitos de bordo non consolidados, tecidos residenciais do século XX, áreas industriais e terciarias, núcleos de orixe rural e grandes infraestruturas de comunicación.
Durante o percorrido do roteiro, comentaránse as distintas situacións urbanas visitadas, prestando especial atención aos usos formais e informais que acolle na actualidade ou que acolleu no pasado, así como aos tipos de espazos que se crean sobre o poliduto a partir do diálogo e grao de integración coa súa contorna urbana inmediata e coa súa posición xeográfica e metropolitana.
A hipótese principal que guiará o roteiro é que camiñaremos por un espazo urbano contemporáneo e verdadeiramente excepcional, un lugar que cumpre coñecer fondamente antes de formular ideas para a súa futura transformación cando o poliduto deixe de estar en funcionamento.
Así, a idea base coa que percorreremos os espazos urbanos sobre o oleoduto é que «o baleiro na metrópole non está baleiro»1, senón que é descampado ou terrain vague2 onde certos usos informais poden atopar lugar e onde a expectativa da sorpresa e do impensable non está cancelada polo deseño urbano; é xerador de distancias interesantes3 que modifican as condicións urbanas e as posibilidades de uso das súas contornas; é terceira paisaxe4 que funciona como refuxio da biodiversidade; é dispositivo inacabado5 onde cada acción humana é o único que da sentido ao lugar e onde as posibilidades de territorialización cidadá non están delimitadas de antemán; e é tamén un espazo de memoria, neste caso xa desde a súa propia traza, pois está determinada pola forma urbana da Coruña a principios dos anos 60 cando se planifica o poliduto, adaptándose e facéndo hoxe visibles, por exemplo, os límites de núcleos xa desaparecidos como Agrela ou Ponte da Pedra.
A interpretación que se faga desde a técnica do desexo popular de reconvertir este espazo nun grande eixo verde, público e peonil que atravese a cidade (como fai actualmente no Barrio das Flores) ten que partir do recoñecemento da riqueza que aporta a diversidade de condicións urbanas xeradas por cada un dos tramos que se teñen conformado ata a actualidade. É preciso imaxinar a súa reconexión lonxitudinal, pero atendendo a unha noción de baleiro en positivo, sen pretender urbanizar, integrar ou homoxeneizar todo o seu trazado como parecen ditar as lóxicas hexemónicas nestes casos, principalmente, hoxe en día, aquelas representadas polo modelo highline (como o de París, o de Nova York ou, nun futuro próximo, o de Londres).
Con todo o éxito popular e as virtudes urbanas do paseo marítimo da Coruña, nesta ocasión non parece razonable arrasar de novo coa diversidade de formas nas que unha liña se pode atopar coa cidade. Fronte á aposta directa pola dulcificación ou a "humanización" total, a singularidade deste espazo esixe unha descrición da urbanidade dos seus tramos e das esquinas que xera no seu contacto coa metrópole e, a partir de ahí, estudar e debater que grao de conectividade e accesibilidade debe asegurar o seu percorrido.
«Onde non hai nada, todo é posible. Onde hai arquitectura, nada (máis) é posible» (Rem Koolhaas, 1985). A maxia do oleoduto, como é coñecido popularmente, é que en varios dos seus tramos e en diferentes graos segundo as condicións urbanas de cada un deles, permite atravesar a cidade desde fóra da cidade. Entre outras cousas, este roteiro intentará abrir a posibilidade de desexar a conservación e a intensificación desta radicalidade.
Ergosfera, 18 de maio de 2021
1 Rem Koolhaas («Imagining Nothingness», 1985).
2 Ignasi de Solá-Morales («Terrain vague», 1995).
3 Manuel de Solá-Morales («Territorios sin modelo», 1995).
4 Gilles Clément (Manifiesto del Tercer paisaje, 2004).
5 Margarita Padilla («Politizaciones en el ciberespacio», 2011) e Amador Fernández-Savater («El 15-M y la crisis de la cultura consensual en España», 2012).
MAPA DO PERCORRIDO
REPORTAXE
Reportaxe sobre o roteiro redactada por Gemma Malvido, con fotografías de Carlos Pardellas e publicada no xornal La Opinión A Coruña o 23 de maio de 2021:
VERSIÓN DIXITAL:
VERSIÓN EN PAPEL:
VÍDEO-RESUMO
Vídeo-resumo do roteiro realizado pola
Fundación María José Jove (imaxes e cortes de audio das partes unicamente descritivas, polo que se recomenda botar unha ollada ao texto de introdución para complementar a información contida no vídeo):
COMENTARIOS
Comentarios en Twitter dalgunhas das persoas participantes no roteiro:
OUTROS
Fío de Twitter sobre un posible erro na identificación do oleoduto no PXOM da Coruña de 2013:
Dentro pero fóra da cidade: o oleoduto da Coruña | Ergosfera