Traballos previos




Recompilación doutros proxectos e materiais realizados por Ergosfera nos que se traballou parcialmente sobre o oleoduto da Coruña:


2021

  • INTRODUCIÓN ÁS PRÁCTICAS URBANAS AUTÓNOMAS OU INFORMAIS DAS PERSOAS MAIORES
    Nesta segunda parte da sesión «Pensar, habitar, subverter. As persoas maiores e a cidade» (Facultade de Socioloxía, Universidade da Coruña, 13-10-2021), tratouse o caso do oleoduto en varios dos apartados da presentación ao comentar diferetes prácticas urbanas desenvolvidas por persoas maiores: o espazo de reunión autoconstruído por un grupo de persoas xubiladas xunto á franxa do oleoduto en Monte das Moas, o coidado de ovellas e galiñas nos tramos do rego e da agra de San Cristovo ou as diferentes instalacións autoconstruídas para acoller e alimentar gatos no Birloque e Casabranca.


  • LO URBANO: TAN FORMAL COMO INFORMAL
    Episodio do podcast Ciudades pospandemia, desenvolvido polo MUSAC (Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León) e publicado o 29-09-2021, no que comentamos o caso do oleoduto da Coruña (entre o minuto 20:30 e o 23:20) como exemplo de espazo urbano onde as ideas máis razoables sobre a súa futura urbanización entran en conflito coas súas calidades urbanas e cos usos informais que acolle na actualidade.


  • AGRELA. OBRADOIRO DE EXPLORACIÓN URBANA
    Actividade realizada dentro do programa Nocturnia do Concello da Coruña (Agrela, xuño - xullo de 2021). Ao igual que no proxecto Tomar medidas, neste caso tamén se analizaron os espazos libres derivados da existencia das dúas grandes infraestruturas lineais que atravesan o barrio desde a refinería: o oleoduto que a conecta co peirao petroleiro e a vía de tren abandonada que a conectaba coa rede ferroviaria. Ambos espazos dispoñen de calidades urbanas excepcionais e xa acollen certos usos informais na actualidade, o que os convirte en lugares moi interesantes desde as perspectivas urbanística e sociolóxica. Ademais, a súa disposición concreta no barrio permite imaxinar que ambas xogarán un papel fundamental no futuro da Agrela en termos de articulación interna e de conexión coa súa contorna, polo que cumpre definir os seus valores patrimoniais antes de que se comecen a formular plans de transformación que os podan poñer en perigo. Así, neste traballo desenvolveuse unha cartografía do barrio da Agrela na que se inclúen os usos informais detectados na franxa do oleoduto e nos seus bordos, os novos patrimonios naturais-artificiais (como o tramo non soterrado do rego de San Cristovo ou o penedo cun graffiti dunha cascuda branca xunto á rúa Newton) ou as singularidades urbanas que xera nos tecidos que atravesa (como o espazo de contacto coa rúa da Ermida, o único encontro deste tipo en todo o seu trazado e que representa unha continuidade equilibrada e respectuosa entre unha rúa integrada e un certo fóra da cidade).

2019

  • DO DESCAMPADO Á BURBULLA DO ALUGUEIRO: OUTRAS ARQUITECTURAS E URBANISMOS NA CIDADE CONTEMPORÁNEA
    En dúas das clases deste curso, desenvolvido en Normal (UDC) entre setembro e decembro de 2019, introduciuse o caso do oleoduto. Por unha parte, na sesión «Usos informais nos intersticios da cidade: a vida urbana dos terrain vagues» (06-11-2019), onde un dos apartados estivo dedicado aos usos que acollen os espazos infraestruturais como o oleoduto, a vía de tren abandonada ou a avenida de Lavedra. E por outra parte, na sesión «Outras naturezas e terceiras paisaxes: dos cortalumes-avenida ás lagoas artificiais-naturais» (27-11-2019), onde se comentaron os resultados do traballo sobre as naturezas espontáneas do oleoduto e outros espazos estudadas no proxecto Tomar medidas.

2015


2013

  • TOMAR MEDIDAS
    En dous dos cinco micro-estudos desenvolvidos dentro deste proxecto, realizado como parte das actividades paralelas de As tácticas do adversario, unha exposición comisariada por Manuel Segade en Normal, traballouse de xeito parcial a cuestión do oleoduto arredor do eixo urbano da estrada dos Baños de Arteixo (o ámbito de estudo do proxecto): os tramos da Agrela e o da Cova - Rego de San Cristovo. Por unha parte, en 5 km de ruta en busca de las otras naturalezas de la ciudad, unha actividade na que se percorreu e analizou un pequeno tramo do oleoduto na zona do rego e da agra de San Cristovo desde a perspectiva das naturezas espontáneas que xorden nos territorios urbanos contemporáneos. Este traballo incluíuse igualmente no proxecto posterior **Otras naturalezas**, unha proxección que formou parte dunha instalación homónima realizada por Flu-or (Hangar de Test - A Coruña, xuño-xullo de 2014). E por outra parte, en 24 Horas en una centralidad emergente, un estudo do nó urbano en formación arredor da glorieta de Eduardo Diz López na Agrela no que a franxa do oleoduto conforma un circuito paralelo á cidade formal xunto á outra grande infraestrutura do ámbito, a vía de tren abandonada desde a estación de San Cristovo ata CLH. Ambas liñas infraestruturais son espazos hoxe moi singulares cuxo futuro papel neste territorio será cada vez máis relevante.

2009

  • OTRAS REFERENCIAS: DISTORSIONES EN TORNO A LO PÚBLICO Y LO PRIVADO
    Como parte dun dos nosos primeiros estudos sobre os espazos urbanos contemporáneos que acollen usos informais, neste caso desde a perspectiva da distorsión das condicións de público e privado, nesta presentación (páxinas 10 e 28) realizada no I Encontro Internacional de Cartografía Ciudadana (LABoral Centro de Arte y Creación Industrial - Gijón, 31-07-2009) identifícase ao oleoduto como unha das grandes infraestruturas que están a xerar este tipo de lugares e usos urbanos singulares na Coruña contemporánea.





Dentro pero fóra da cidade: o oleoduto da Coruña  |  Ergosfera