GAL | ESP
Artigo publicado no fanzine
As Atochas. Zona a Defender (ZAD)
editado por Refuxios da Memoria
coa colaboración da CRMHd'AC
(A Coruña, xullo de 2021)
Iago Carro / Ergosfera, abril de 2021

- - Que nos impide recoñecer que, lonxe de ser inútiles, algúns ou moitos destes espazos convertéronse en lugares, en espazos urbanos útiles en si mesmos, ás veces, case en equipamentos?
- - Que pasaría se priorizamos a valoración das súas calidades desde o presente, en lugar de desde o pasado, que é o que implica definilos como refugallos ou ruínas, ou desde o futuro, que é o que representa identificalos como inacabados?
- - Por que non aceptar que, a partir dun determinado punto, os seus usos informais, humanos e non humanos, poden adquirir unha lexitimidade suficiente como para xa non poder ser pensados como espazos baleiros ou abandonados?
- - Que ten máis peso nos seus efectos prácticos, a súa condición de externalidades funcionais ao capitalismo inmobiliario, ou a de fisuras ou elementos de "autoprotección" para a propia sociedade ante os nosos delirios de control total?
- - Podemos facer que xurdan estes espazos? É posible deseñar, por exemplo, as condicións urbanísticas e o estado material previo á posibilidade de imaxinar o Campo de Cebada [6]? En que clase de formato laboral cabería debuxar o plano e redactar a memoria estratéxica de paralización de calquera espazo baixo o pretexto urbanístico ou xurídico que asegure un proceso máis longo? Podemos liberar ás ferramentas técnicas da súa función orixinal, como fai Forensic Architecture [7], para estudar que calidades urbanas, formais, materiais e legais son as que determinan a aparición dos seus usos? Chegaría con recoñecer e describir as súas lóxicas para poder reproducir as súas condicións noutros lugares? Cal é o punto de equilibrio óptimo entre a cidade formal e a informal?, é dicir, que cantidade ou proporción destes lugares pode asumir un territorio sen diminuír a súa habitabilidade xeral?
- - Podemos facer que se usen máis cando xurdan? Quen podería promover unha política racional e selectiva de non actuación xunto co fomento de intervencións brandas que só abran máis posibilidades sociais? Imaxinámonos deseñando aperturas mínimas ou abrindo directamente gretas nos peches máis inexpugnables ata que os usos as descubran? Como convencemos ás administracións da necesidade de introducir cambios nas normativas para que o medo e o peche total non sexan as únicas lóxicas que guíen o seu modelo de acción ao redor destes lugares?
- - Podemos intervir sobre eles sen introducir ningunha forma de captura? Sería viable imitar a Gilles Clément cos seus xardíns e deseñar protocolos de acompañamento de estruturas e ruínas no seu proceso de degradación para simplemente eliminar riscos e garantir unha mínima seguridade sen deixar pegada nin influír o máis mínimo nos seus usos? É posible avaliar cada caso segundo os seus beneficios sociais, como se fixo en Can Batlló [8], ou determinar en cales deles as condicións urbanas aseguran unha situación de contigüidade non invasiva, de máxima posibilidade de convivencia co incivilizado, sen que isto implique, nin a súa integración, nin a eliminación total das posibilidades de uso daqueles menos valorados pola técnica?