Content
GAL | ESP
O urbanismo da lei antitabaco
Versión completa dun artigo publicado no xornalNovas da Galiza, n.º 186 (febreiro de 2020).
Ergosfera, xaneiro de 2020.
![]() |
![]() |
|
Terraza da parrillada Alcume na Coruña
|
Terraza e retranqueo do bar La Urbana na Coruña
|
Moitas das grandes transformacións urbanas non foron orixinadas por unha teoría ou un plan urbanístico: unha nova tecnoloxía construtiva, unha decisión política, unha estratexia bancaria ou un descubrimento médico poden facer que a cidade cambie en poucas décadas. Unha das últimas mutacións cun grande impacto na urbanidade das cidades galegas, e na que o urbanismo non participou na súa orixe, foi a derivada da entrada en vigor da coñecida como lei antitabaco en 2006 (Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco) e, sobre todo, da posterior modificación introducida en 2011 (Lei 42/2010, do 30 de decembro, pola que se modifica a Lei 28/2005). A partir da aprobación destas leis, moitos locais de hostalería comezaron a introducir cambios para adaptarse a unha nova realidade normativa que, por moito que se lles dera voz aos sectores económicos afectados, xa era un absoluto consenso social: o tabaquismo é un problema de saúde pública e desde ese momento só se podería fumar en espazos ao aire libre. As transformacións introducidas nestes locais teñen que ver, polo tanto, coa creación de espazos abertos ou semi-abertos para adaptarse á lei sen modificar a costume social, recoñecida como negativa, pero enormemente extendida, de fumar nos restaurantes, bares e pubs. Sen entrar a valorar esta dimensión política e sociolóxica concreta, en termos urbanísticos, a prohibición total de fumar en espazos colectivos pechados implicou unha transformación radical da cota 0 da cidade (o plano do espazo urbano onde se desenvolve principalmente a vida pública), pois os locais de hostalería son unha das pezas chave dos tecidos urbanos complexos e con actividade social intensa, pero tamén dos ámbitos máis difusos e contemporáneos da cidade-territorio. Unha condición relevante en termos cualitativos (do que significan os bares, cafeterías e restaurantes nas sociedades europeas) e por suposto cuantitativos: se nos diferentes estudos (normalmente realizados por institucións interesadas), España é sempre un dos países con máis locais de hostalería por habitante do mundo, e Galicia, a súa vez, unha das comunidades cunha maior taxa de España, pódese imaxinar o impacto que terán as súas transformacións nas rúas e nas estradas-rúa galegas. Tres son as principais materializacións deste proceso de creación de espazos abertos ou semi-abertos nos locais de hostalería:
![]() |
![]() |
|
Terrazas na rúa Estrela da Coruña
|
Terraza do restaurante Pizza Pop nun espazo de aparcadoiro no Grove
|
1) A multiplicación das terrazas no espazo público.
A forma de creación de espazos ao aire libre máis extendida foi sen dúbida a expansión da superficie dos locais sobre o solo público: as terrazas en beirarrúas, prazas e xardíns. Esta estratexia, xa con séculos de historia, experimentou unha expansión tan rápida que provocou a aparición de certos conflitos polo uso do espazo urbano e a súa mercantilización, o que fixo xurdir novas regulacións municipais para facer fronte aos problemas dunha excesiva privatización do espazo público.
O debate segue aberto, xa que se ben as administracións actuaron nos casos nos que a ocupación da vía pública polas terrazas implicaba un problema de seguridade ante as emerxencias, un problema de mobilidade e accesibilidade para os fluxos peonís ou un problema grave de convivencia cidadá pola súa masificación, nos casos nos que "só" se están a comprometer os usos públicos do espazo urbano fronte aos privativos, están a ser moito máis permisivas.
Tres notas rápidas para ter en conta no debate se se parte desde unha perspectiva crítica: a) en comparación co resto das terrazas da praza xunto ao Panteón de Roma, a do McDonald’s era prácticamente un equipamento público que por un euro aseguraba o descanso e unha estancia espectacular durante o tempo que se quisexe; b) nun momento no que o problema do baleirado das rúas e a falta de actividade comercial é, en case todos os contextos urbanos, moito máis grave que o da súa masificación ou privatización (pénsese nos datos da evolución do sector da comida a domicilio ou das compras por internet en xeral), é necesario partir do recoñecemento de que as terrazas sempre dan vida á cidade; e c) as terrazas tamén poden ocupar o espazo público reservado na actualidade para o vehículo privado, como a da parrillada Fuentes en Meicende, a da cafetería Maripepa en Silleda ou a do restaurante Pizza Pop no Grove.
A parte da cuestión das terrazas, que requeriría unha análise moito maior (tamén sobre outros temas como as taxas pola ocupación temporal do espazo público ou os incultos procesos de homoxeneización estética promovidos polas administracións locais), é necesario destacar outras dúas materializacións desta lei con importantes consecuencias para a cidade:
![]() |
![]() |
|
Retranqueo da cafetería-restaurante Sousantos na Coruña
|
Retranqueo da cafetería El Reloj na Coruña
|
2) A aparición dos retranqueos nas fachadas dos locais.
A innovación tipolóxica máis extendida é, sen dúbida, a do retranqueo da fachada dos locais para xerar un espazo estancial aberto e en contacto directo coa rúa.
Un novo espazo que, non só non ocupa o solo público como as terrazas convencionais, senón que implica unha expansión do espazo público percibido a través dun umbral difuso que enriquece a experiencia urbana: fronte á ocupación das terrazas, a xenerosidade do retranqueo.
Ademais, como complemento aos portais, muros e escaparates, estes novos espazos (materializados de xeitos moi diversos, desde retranqueos mínimos nos que só se instala unha pequena barra ou un banco, ata a creación de auténticos salóns con todos os detalles da domesticidade) complexizan a pel da cidade e permiten unha maior percepción de xente nas rúas, un parámetro fundamental en termos de vitalidade, seguridade e interese urbano.
A cuestión con respecto a esta forma arquitectónica é que non cumpre coa lexislación, xa que en realidade e como é ben sabido, é ilegal fumar nestes espazos. A lei é clara neste sentido: «no ámbito da hostalería, enténdese por espazo ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que estando cuberto esté rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos».
Os retranqueos son sempre cubertos e, na gran maioría dos casos, teñen tres laterais pechados (a nova fachada do local retranqueada e os dous límites do local ou do edificio coas parcelas anexas) e só un aberto en contacto coa rúa. Os únicos casos nos que se cumpriría a lei serían os dos locais en esquina, como a cervexería 122 na rúa Juan Flórez ou o bar La Urbana na praza de Josep Sellier Loup, que contarían con dous lados pechados e dous abertos, e algún caso especial como o da cafetería El Reloj na rúa de Santa Catalina, que ao ter unha forma triangular, tamén tería só dous lados pechados.
Con todo, hai unha importantísima variabilidade formal en termos de altura, proporción ancho-fondo ou grao de apertura do oco que determina completamente as condicións ambientais de cada un destes espazos.
Tendo en conta as súas aportacións á cidade, é posible que mereza a pena imaxinar como seguir fomentando a súa aparición: diferenciándoos, por exemplo, segundo a súa forma e condicións ambientais en termos de renovación do aire, un parámetro facilmente obxectivable, e, por suposto, impedindo o servizo neles nos casos nos que se permita fumar (que sexan as persoas usuarias as que teñan que pedir dentro as súas consumicións).
![]() |
![]() |
|
Terraza da cervexería Estrella Galicia na Coruña (desaparecida)
|
Terraza da discoteca Pachá na Coruña (desaparecida)
|
3) O pulo ás edificacións complexas que inclúen espazos libres ou abertos.
Por último, outra das consecuencias da nova lei foi o pulo para os edificios complexos que incluén espazos ao aire libre na parcela ou áreas abertas nas propias construcións. No contexto do capitalismo inmobiliario español, é case extraordinario que a colmatación total da parcela pola edificación e do volume construible por espazos pechados non sexan xa as únicas posibilidades a contemplar. Como é normal noutros países, sobre todo nos que son dominantes os tecidos de baixa densidade ou nos que as edificacións exentas e de pequeno tamaño aínda poden formar parte dos centros urbanos con normalidade.
Nunha análise rápida dos casos existentes, principalmente na Coruña, varios son os tipos que se poderían salientar:
- - Locais que ocupan pero non colmatan toda a súa parcela, polo que dispoñen de espazos libres utilizables como terraza: as veces abertos directamente ao espazo público, como a cafetería Copacabana nos xardíns de Méndez Núñez ou os novos locais de estrada-rúa como o McDonald’s ou o Burger King en Agrela (que mostran como nin sequera dependen do acceso a unhas vistas especiais ou a un contexto urbano consensualmente agradable); e as veces deseñados para que sexa necesario atravesar o local como filtro para acceder a eles, como na cafetería-discoteca Moom 57 en San Roque de Fóra. Nesta categoría, non se poden deixar de mencionar dous espazos xa desaparecidos, pero que permanecen na memoria colectiva da cidade: a terraza arborada da cervexería Estrella Galicia en Catro Camiños, situada xunto á antiga fábrica ata principios dos anos 70, e a terraza con piscina da discoteca Pachá, aberta ata mediados dos anos 90 nas Xubias de Arriba.
- - Unha variante do caso anterior é a do reuso de instalacións con outras actividades previas que dispoñían de espazos libres, de xeito que os novos locais hostaleiros dispoñen destas superficies como terrazas, como na vinoteca-cervexería La Brújula en Marzán ou no pub El Guateque en Agrela.
- - Locais cunha entrada tradicional configurada como un espazo libre emparrado que hoxe se emprega como terraza, como o café-bar La Parra en Monte Alto ou o restaurante Calixto en Santa Cruz.
- - Edificacións complexas con espazos libres situados en cotas altas e cunha certa condición de miradoiros, como o bar O Portiño xunto ao porto de San Pedro, a tasca A Toquera nas Xubias, o café-restaurante La Pérgola no Castro de Elviña, o café-miradoiro Atalaya nos xardíns de Méndez Núñez ou o novo Burger King na avenida da Pasaxe.
- - En relación ao caso anterior, tamén poden aparecer terrazas de uso colectivo en cotas altas dentro de edificacións en altura, como no Casino Atlántico nos xardíns de Méndez Núñez, no restaurante Pescador en Portonovo ou na cafetería do albergue Arraigos en Melide.
- - A última das tipoloxías detectadas é unha estratexia marabillosa: a ocupación de soares e parcelas non edificadas coas terrazas dos locais, normalmente nun espazo contiguo, como a cervexería Conde no barrio da Milagrosa en Lugo ou o café-bar Pastor en Sarria, pero tamén incluso situados enfronte, como o café-bar Larada en Malpica. Cómpre salientar que esta forma de creación de espazos libres vinculados á hostalería, que por desgraza é cada vez máis impensable nos centros das cidades, é unha das múltiples posibilidades de uso que ofrecen os tecidos urbanos de edificación discontinua, moi comúns en Galicia, pero mediaticamente denostados como simples "paisaxes de medianeiras".
![]() |
![]() |
|
Terraza do McDonald's Agrela na Coruña
|
Terraza do café-bar Larada nun soar non edificado en Malpica
|
Aínda que, por suposto, son moitos os problemas asociados aos locais de hostalería desde a perspectiva da precariedade laboral, da convivencia cidadá, da crítica feminista ou do modelo de ocio-consumo que fomentan, por poñer só algúns exemplos de cuestións en debate na actualidade, trátase dunha peza material importantísima como espazos estanciais de sociabilidade dentro da diversidade de lugares e actividades ás que aspira unha cidade interesante. A aparición dun novo límite alleo ao mundo do urbanismo aumentou a súa diversidade formal e a súa relación coa rúa dun xeito moi sensible, ata o punto de poder afirmar que a vida nas cidades mellorou con este cambio tamén desde a perspectiva urbanística. Mentres unha boa parte do gremio está atrapado no burato do urbanismo legal e inmobiliario ou entretido na loita contra o chamado "feísmo" das cores das vivendas e dos peches-somier, o sistema Estado-Mercado segue a xerar burbullas e procesos urbanos contra o dereito á cidade. O Ministerio de Sanidade, pola súa banda, é quen se ocupa agora de mellorar a urbanidade do territorio.
![]() |
![]() |
|
Terraza e retranqueo da cafetería Siboney na Coruña
|
Terraza do café-bar A Dársena en Foz
|
* Salvo os casos nos que se indica outra localidade, todos os exemplos mencionados están situados no municipio da Coruña. ** Aínda que o obxectivo deste texto é describir as materializacións da lei antitabaco desde o punto de vista urbano, é necesario sinalar que en termos sanitarios existe un consenso cada vez maior sobre a necesidade de prohibir o tabaco nos tres tipos de espazos identificados, xa que en todos eles alcánzanse niveis de partículas tóxicas superiores aos máximos recomendables. *** Como sempre, este pequeno texto é só unha primeira achega a unha investigación que nos gustaría poder desenvolver algún día: para comezar, estudando o impacto deste fenómeno cuantitativamente, analizando máis fondamente a cuestión formal e ambiental nas tres materializacións urbanas da lei antitabaco definidas, realizando fotografías e esquemas explicativos dos casos máis representativos dos modelos xenéricos e das singularidades atopadas, e facendo traballo de campo co que poder acceder ao relato das persoas que traballan e usan habitualmente estes espazos.