Tras a fase de investigación, análise e traballo de campo, a seguinte fase do proxecto implicará o contacto e o traballo colectivo entre as veciñanzas afectadas e o resto dos axentes que conforman a comunidade de aprendizaxe. As actividades de recoñecemento, encontro e traballo colectivo formuladas con este obxectivo son cinco: tres roteiros e dous encontros abertos.
Roteiros
Os tres roteiros formulados están abertos ao público (por suposto, ás veciñanzas afectadas, mais tamén a calquera persoa interesada no urbanismo ou na cidade), e consistirán nun percorrido comentado a través dos territorios da Coruña que están baixo a presión urbanística do PXOM de 2013 (que este proxecto, dun xeito moi simplificado, define como aqueles que contan con edificacións habitadas ou habitables que o planeamento vixente contempla eliminar).
Os roteiros enténdense como xornadas de recoñecemento dos territorios e comunidades afectadas pola presión urbanística derivada de novos desenvolvementos na Coruña, así como de introdución a nocións básicas de urbanismo para persoas non expertas. Ao longo dos percorridos, iranse comentando as diferentes figuras urbanísticas que afectan a cada un dos barrios atravesados, introducindo así mesmo os conceptos técnicos básicos para entender as diferentes situacións atopadas (como a clasificación do solo, os instrumentos urbanísticos ou os sistemas de actuación).
Ademais do seu carácter de actividade aberta ao público e de interese xeral, os roteiros están formulados como un primeiro contacto formal coas veciñanzas afectadas, de xeito que poidan complementar o relato desde o punto de vista informativo (da realidade urbanística de cada un dos lugares atravesados), coas súas experiencias persoais respecto do territorio e dos plans de futuro que lles atinxen. Neste sentido, os roteiros servirán para avanzar no coñecemento do posicionamento das veciñanzas afectadas con respecto aos plans urbanísticos para os seus barrios, que poden ir desde o descoñecemento absoluto, á aceptación do PXOM ou á posible aceptación noutras condicións, ata o rexeitamento total do planeamento vixente polo desexo de permanecer nas súas vivendas.
Primeiro roteiro. Sábado 28 de outubro de 2017. Zona norte do municipio, entre San Xosé e O Portiño.
Segundo roteiro. Sábado 4 de novembro de 2017. Zona centro do municipio, entre O Martinete e a Agra dos Mallos.
Terceiro roteiro. Sábado 11 de novembro de 2017. Zona sur do municipio, entre A Pasaxe e A Canteira de Eirís.
Encontros
Os dous encontros formulados enténdense como xornadas de recoñecemento, información e traballo colectivo. O seu obxectivo principal é que as veciñanzas afectadas poidan ter a oportunidade de recoñecerse como comunidade e, a partir de aí, dar lugar a espazos onde esta comunidade poida compartir tempo e información con outras organizacións sociais con experiencias similares, con persoas expertas e con coñecementos técnicos de interese, así como con representantes das áreas do Concello interpeladas pola súa problemática.
As xornadas de encontro son, polo tanto, tempos compartidos para intercambiar coñecementos, mais tamén para debater e comezar a imaxinar como facer fronte, racional e colectivamente, aos problemas de presión urbanística xerados polos sucesivos plans xerais da Coruña e leis do solo galegas e españolas.
Primeiro encontro. Venres 24 de novembro de 2017. Centro Cívico A Silva.
Segundo encontro. Sábado 16 de decembro de 2017. Centro Cívico Eirís.