1º Encontro: Xornada de recoñecemento das comunidades veciñais e de diálogo cos saberes expertos



Última actualización (Versión): 22/12/2017 (V.03)



O primeiro encontro desenvolverase o venres 24 de novembro de 2017 (a partir das 19:15h) no Centro Cívico A Silva (Lugar A Silva de Arriba, 19).



Cartel do primeiro encontro #CoUrbanismoNosTalóns
Imaxe: Elaboración propia, sobre a ortofotografía do PNOA (2014) e a cartografía catastral (2015)
Descarga: Cartel A2 / PDF / 6,5 MB



A xornada, que está aberta a calquera persoa directamente afectada polo PXOM ou simplemente interesada no urbanismo ou na cidade, constará das seguintes partes:


Presentación do proxecto e introdución aos encontros 19:15 - 19:40h
Presentación do proxecto Co urbanismo nos talóns, exposición das conclusións dos estudos previos realizados ata o momento, e introdución aos obxectivos e actividades dos dous encontros públicos programados.


Presentación e recoñecemento colectivo das veciñanzas afectadas 19:40 - 20:00h
Presentación colectiva das veciñanzas afectadas que participen no encontro. Primeira representación da condición colectiva do problema e da composición da comunidade, por agora virtual, de veciños e veciñas afectadas polos novos desenvolvementos urbanísticos previstos no PXOM da Coruña de 2013.


Diálogo cos saberes expertos 20:00 - 21:00h
Mesa de debate-entrevista con tres persoas expertas e con coñecementos técnicos sobre cuestións consideradas de máximo interese para as persoas afectadas: a lectura do territorio e do urbanismo da Coruña desde a teoría e desde a práctica (Enrique Seoane), o complexo contexto lexislativo no que opera o urbanismo e, polo tanto, a maioría das prácticas populares de resistencia (María Domínguez), e a conformación de movementos e comunidades sociais arredor de problemas e realidades compartidas (Carlos Diz).


Mesas de traballo colectivo 21:00 - 22:00h
Segundo como se desenvolvan os tempos dedicados aos tres primeiros bloques (que dependerán moi directamente do número de persoas participantes e do funcionamento da mesa de debate-entrevista), compoñeranse mesas de traballo colectivo coas comunidades afectadas e as persoas expertas invitadas, co obxectivo de resolver dúbidas e comezar a imaxinar vías iniciais de traballo para a comunidade de aprendizaxe e práctica.





Crónica pos-encontro



Neste primeiro encontro participamos 50 persoas: 6 persoas da organización, as 3 persoas invitadas para o diálogo cos saberes expertos, e 41 veciños e veciñas da cidade, a maioría dos barrios e lugares afectados polo PXOM. Pódese consultar unha información máis detallada sobre os datos de participación no Anexo: Participación.

Con respecto ao programa formulado, a única variación sensible foi a eliminación da última das actividades programadas, as mesas de traballo colectivo, xa que o diálogo cos saberes expertos funcionou moi ben (as veciñanzas participaron intensamente no debate facendo preguntas e comentarios desde case o primeiro momento), polo que se tomou a decisión de alargalo e rematar a xornada deste xeito.

Como mostra do ambiente vivido, quedan recompilados a seguir os tweets realizados durante este primeiro encontro: