2º Encontro: Xornada de diálogo cos saberes populares e institucionais e de debate sobre a continuidade da comunidade



Última actualización (Versión): 22/12/2017 (V.04)


 

1.- Información previa



O segundo encontro desenvolverase o sábado 16 de decembro de 2017 (a partir das 17:00h) no Centro Cívico Eirís (Rúa Terranova de Eirís, 7).


Cartel do segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns
Imaxe: Elaboración propia, sobre a ortofotografía do PNOA (2014) e a cartografía catastral (2015)
Descarga: Cartel A2 / PDF / 5,3 MB



A xornada, que está aberta a calquera persoa directamente afectada polo PXOM ou simplemente interesada no urbanismo ou na cidade, constará das seguintes partes:


1.- Exposición do estado do proxecto e introdución ao encontro 17:00 - 17:30h
Exposición dos avances do proxecto e introdución á documentación que se devolverá finalmente á cidadanía, que conterá unha síntese dos aspectos prácticos que poidan ser de máis interese para as veciñanzas afectadas (datos e cartografías básicas, información e recursos legais, conclusións dos roteiros e das xornadas de encontro, posibles vías de traballo, etc.).


2.- Achegas dos saberes populares 17:30 - 18:30h
Presentacións das experiencias de dez organizacións sociais que se están a enfrontar na actualidade, ou que o fixeron no pasado recente, a algún tipo de política, proceso ou operación urbanística na Coruña metropolitana. Dez micro-presentacións nas que se sintetizarán estas experiencias desde unha perspectiva totalmente práctica, é dicir, centrada nas ferramentas que en cada caso se empregaron para se relacionar co urbanismo. Non se trata así dun relato que dea conta da historia de cada un destes procesos (que será introducida desde a organización), senón da descrición e avaliación dos instrumentos empregados na relación co urbanismo e cos axentes públicos e privados que o desenvolven: desde a recollida de sinaturas, a pegada de carteis ou as manifestacións, ata as notas de prensa, as vías legais, a persuasión de partidos políticos locais ou calquera outro tipo de accións propositivas ou de resistencia levadas a cabo por estas organizacións.


3.- Achegas dos saberes institucionais 18:30 - 19:15h
Rolda de micro-intervencións das persoas representantes das seis concellarías invitadas pola súa relación co problema da presión urbanística, co obxectivo de que se poidan situar as súas ideas e dar a coñecer un posicionamento inicial do Concello da Coruña ao respecto.


4.- Debate colectivo sobre a continuidade da comunidade de aprendizaxe 19:15 - 20:30h
Finalmente, a xornada rematará cun debate aberto sobre a necesidade ou non de continuar o traballo iniciado, xa desde a autonomía da comunidade de aprendizaxe e práctica arredor das veciñanzas afectadas pola presión urbanística na Coruña.



 

2.- Crónica posterior



Neste segundo encontro participamos 90 persoas: 7 persoas da organización, as 8 persoas participantes nos diálogos cos saberes populares e institucionais, e 75 veciños e veciñas da cidade, dos que 10 tiñan algunha vinculación co proxecto ou coas organizacións participantes. Das 65 persoas restantes, a maioría veciños e veciñas dos barrios e lugares afectados polo PXOM, 15 xa participaran no primeiro encontro desenvolvido tres semanas antes. Pódese consultar unha información máis detallada sobre os datos de participación no Anexo: Participación.

Con respecto ao programa formulado, variou sensiblemente o número de organizacións sociais e institucionais participantes, xa que foron varias as que por diferentes motivos non puideron presentar finalmente as súas achegas neste segundo encontro. As organizacións finalmente participantes foron as seguintes:

 
Achegas dos
saberes populares
Arquitectura Sen Fronteiras Galicia, representada por Juan Aradas
C.S.O. A Insumisa, representada coa lectura dun comunicado da súa asamblea
Elviña Non Se Vende, representada por Iván Moure
Mobilizacións contra o "Proxecto Bofill", representada por Plácido Lizancos
Proxecto Cárcere, representada por Alberto Fortes
Santa Cruz aberta ao mar, representada por Ramiro Vidal
Stop Desafiuzamentos A Coruña, representada por Pablo Fernández
Achegas dos
saberes institucionais
Concellería de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, representada por Xiao Varela
Concellería de Medio Ambiente, representada por María García
Concellería de Participación e Innovación Democrática, representada por Claudia Delso

T.16.- Organizacións sociais e concellerías participantes no segundo encontro

Táboa: Elaboración propia.



Como mostra do ambiente vivido neste segundo encontro pódense ver as fotografías realizadas durante o seu desenvolvemento, neste álbum de Flikr, e quedan recompilados a seguir os tweets publicados: