Co urbanismo nos talóns é un proxecto para impulsar unha comunidade de aprendizaxe e práctica arredor dos territorios habitados da Coruña que o urbanismo vixente propón transformar.

O núcleo desta comunidade serán as veciñanzas directamente afectadas pola presión urbanística do PXOM, é dicir, aquelas que nalgún momento poderían ser desprazadas dos seus lugares de residencia por habitar en edificacións que o planeamento vixente contempla eliminar ou transformar radicalmente.



Co urbanismo nos talóns aspira a ser a fase inicial dun proceso de máis longo percorrido e xa autónomo, se así o entenden oportuno as persoas participantes.

Nesta primeira fase está sendo desenvolvido por Ergosfera, como parte do programa de proxectos de innovación social para 2017 do Co-Lab, o Laboratorio Cidadán da Coruña impulsado pola Concellaría de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña.

* Esta páxina web, publicada o 5 de decembro de 2017, é unha versión inicial que se irá completando e mellorando durante as próximas semanas, ata chegar á versión definitiva a mediados de xaneiro de 2018, coincidindo coa devolución final dos resultados do proxecto.