Áreas do Concello da Coruña relacionadas co problema da presión urbanística sobre as persoas e os territorios



Última actualización (Versión): 18/12/2017 (V.02)



Co urbanismo nos talóns busca interpelar a varias áreas do Concello da Coruña relacionadas dalgún xeito co problema da presión urbanística: Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda; Xustiza Social e Coidados; Culturas, Deporte e Coñecemento; Igualdade e Diversidade; Medio Ambiente e Participación e Innovación Democrática. En maior ou menor grao, estas seis concellarías terán un papel relevante no futuro destes territorios, polo que será importante a súa participación na comunidade de aprendizaxe, tanto para recibir como para achegar información sobre o papel do Concello ante esta situación.


Concellaría de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda
O urbanismo é a orixe e a principal vía de transformación desta realidade, porén, a pesar de ser unha cuestión cun gran impacto social para as persoas afectadas, nunca foi estudada ata agora como un tema de escala metropolitana ou municipal (só os casos concretos que aparecen con cada operación de desenvolvemento urbanístico), polo que sería moi recomendable que se mantivese un contacto continuo coa concellaría responsable. O cambio do modelo urbanístico municipal ten que ver cunha nova escala e priorización das inversións públicas en obras e infraestruturas, mais tamén cunha lectura da Coruña como territorio urbano onde as preexistencias son as que en boa medida garanten a complexidade e a riqueza urbanística da cidade.

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns polo concelleiro Xiao Varela.
Web


Concellaría de Xustiza Social e Coidados
A presión urbanística é un problema de inxustiza social. Ademais, boa parte das persoas afectadas é probable que pertenzan a algún dos colectivos vulnerables da cidade, xa que falamos de territorios nos que as condicións socioeconómicas das comunidades afectadas terán seguramente paralelismos, como unha poboación maioritariamente envellecida e moi arraigada ao lugar. As formas de tenza das vivendas tamén implicarán diferenzas importantes na gravidade das situacións ás que se poden enfrontar as persoas afectadas, xa que aínda que dominará probablemente a vivenda en propiedade, tamén se detectaron moitos alugueiros, máis e menos precarios, e casos onde a residencia dalgunhas comunidades e persoas non conta con ningún soporte formal-legal.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Concellaría de Culturas, Deporte e Coñecemento
A parte das cuestións persoais que afectan ás veciñanzas que habitan na actualidade estes territorios, o tema cultural e patrimonial, tanto material como inmaterial, é un asunto de primeira magnitude en termos de memoria e diversidade das formas de vida na Coruña. O futuro destes lugares debe atender ao seu presente, mais tamén ao seu pasado e ao que implican moitas das cousas urbanas ameazadas para a lectura histórica e para a complexidade futura do contexto urbano e sociocultural da Coruña.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Concellaría de Igualdade e Diversidade
O dereito a levar xeitos de vida diferentes ao común na cidade densificada atinxe á diversidade e á igualdade de todos os cidadáns e cidadás da Coruña. Simples diferenzas materiais (tipoloxías arquitectónicas) e topolóxicas (situación con respecto aos centros urbanos máis importantes na metrópole) están a xerar unha certa discriminación que poucas veces está xustificada polo interese xeral. A diversidade social está tamén relacionada coa diversidade material e das formas urbanas. E así, esta condición transversal de habitar maioritariamente vivendas unifamiliares situadas en territorios conceptualmente periféricos, ben pode representar un campo de disputa que, como o xénero, esixe que as institucións acheguen a perspectiva do público á definición dos seus termos de igualdade e diversidade.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Concellaría de Medio Ambiente
Aínda que o tema medioambiental quedou relegado a un segundo plano no proxecto (dado que os tempos e recursos dispoñibles só permitiron un achegamento desde as persoas que os habitan), os territorios delimitados polo PXOM como transformables son na súa gran maioría espazos libres (non edificados), polo que sería importante estudar o Mapa da biodiversidade da Coruña para coñecer os valores ambientais que están a ofrecer á cidade e que tamén poderían ser dalgún xeito patrimonializables, sempre remarcando a condición "maquínica" do conxunto formado polo territorio e as persoas que o habitan (pódese pensar, por exemplo, nas implicacións para o mantemento das áreas non edificadas que pode ter o feito de que estes territorios conserven a súa poboación).

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns pola concelleira María García.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Concellaría de Participación e Innovación Democrática
Dentro da súa aposta por un proceso descentralizador dos servizos e políticas públicas por toda a superficie municipal (de xeito que se igualen as lexitimidades e dereitos dos centros e das periferias da cidade), e tamén no marco da súa capacidade experimental no que ás novas institucionalidades se refire (Dillo ti, A Porta Aberta, Escano Cidadán, Orzamentos Participativos, Co-Lab, etc.), enténdese que esta concellaría atopará o seu lugar no proceso de consolidación da comunidade de aprendizaxe e práctica.

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns pola concelleira Claudia Delso.
Web  |  Facebook  |  Twitter


A participación formal destas seis concellarías está programada para a segunda xornada de encontro do proxecto, que se desenvolverá o sábado 16 de decembro no Centro Cívico Eirís.

Neste encontro, as persoas que representen ás concellarías invitadas disporán dun tempo para explicar o posicionamento inicial das súas respectivas áreas con respecto ao problema da presión urbanística derivada dos plans de transformación contemplados no PXOM vixente para moitos territorios habitados da cidade.