Organizacións sociais con experiencia na loita contra o urbanismo na Coruña metropolitana



Última actualización (Versión): 18/12/2017 (V.05)



Unha das cuestións básicas á hora de conformar unha comunidade de aprendizaxe no marco dun laboratorio cidadán é que sexan os propios veciños e veciñas as que compartan os seus saberes e experiencias nun formato organizado e da mesma lexitimidade que os foros entre persoas consideradas expertas. Para posibilitar este intercambio, optouse por invitar a unha serie de organizacións sociais que se están a enfrontar na actualidade, ou que o fixeron no pasado recente, a algún tipo de política, proceso ou operación urbanística na Coruña metropolitana. As dez organizacións que achegarán os seus saberes á comunidade son as seguintes:


Arquitectura Sen Fronteiras Galicia 1995 - actualidade
ONG de cooperación local e internacional que, entre outros traballos, desenvolveu proxectos para a diminución da exclusión social, a mellora da habitabilidade e o fomento do empoderamento cidadán nos asentamentos precarios da Coruña (no barrio do Campanario no Portiño, na parcela Gabarri Borja nas Rañas e no asentamento da Pasaxe).

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Juan Aradas.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Comisión Aberta en Defensa do Común 2016 - actualidade
Grupo plural de veciñas e veciños da Coruña, constituídos en comisión aberta co obxectivo de paralizar a poxa polos terreos comunais situados no Campo da Estrada e os ocupados polo Hotel Finisterre e A Solana no Parrote.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Web


C.S.O. A Insumisa 2016 - actualidade
Centro social okupado e autoxestionado nas antigas instalacións da Comandancia de Obras na avenida do Metrosidero (A Coruña). Espazo anticapitalista onde se desenvolven multitude de actividades abertas ao público e proxectos comunitarios baixo a xestión dunha asemblea aberta.

* Representado no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns coa lectura dun comunicado que a asamblea lle fixo chegar á organización.
Web  |  Facebook


Elviña Non Se Vende 2014 - actualidade
Grupo de veciños e amigos de San Vicente e Castro de Elviña que loitan pola defensa do pobo e a súa contorna contra a especulación, polo que levan anos denunciando as inxustizas derivadas de procesos urbanísticos como a expansión da Universidade, o desenvolvemento do "Parque Ofimático" ou a ampliación da avenida de Lavedra.

* Representado no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Iván Moure.
Facebook  |  Twitter


Mobilizacións anticarbón das veciñanzas dos Castros 2002 - actualidade
Mobilizacións veciñais contra a contaminación ambiental derivada das descargas ao descuberto no porto da Coruña. As accións de protesta das veciñanzas dos Castros conseguiron a construción dun gran almacén de carbón, coñecido como "a medusa", no peirao do Centenario (aínda que isto non rematou completamente co problema), e nelas tiveron gran protagonismo a Asociación Veciñal Oza - Gaiteira - Os Castros e a Plataforma Anticarbón e Medioambiental dos Castros.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Os Castros, contra el carbón (Tania Suárez - La Opinión A Coruña, 2013)


Mobilizacións contra o "Proxecto Bofill" 1986 - 1987
Mobilizacións do estudantado da E.T.S. de Arquitectura contra a proposta "La Coruña, el mar y la ciudad", un enorme proxecto para o bordo litoral da Coruña, desenvolvido por Ricardo Bofill (Taller de Arquitectura), e presentado na cidade nunha exposición no Kiosco Alfonso inaugurada polo vicepresidente do Goberno, Alfonso Guerra, e o alcalde Francisco Vázquez en decembro de 1986.

* Representadas no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Plácido Lizancos.
Proyecto Bofill: La falacia mar-ciudad (José Gozález-Cebrián, 1987)


Proxecto Cárcere 2010 - actualidade
Plataforma de persoas e colectivos cidadáns para a recuperación da antiga prisión provincial da Coruña como espazo de convivencia, libre e aberto, onde primen os usos sociais, culturais, educativos, lúdicos e a participación cidadá.

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Alberto Fortes.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Salvemos Bens 2015 - 2016
Grupo cidadán cuxo obxectivo é salvagardar o maior parque público da Coruña fronte á construción dun museo automobilístico, ideado por unha fundación privada e desenvolvido a través dun convenio co Concello, o que significaría a destrución de gran parte do parque de Bens e xeraría un impacto ambiental irrecuperable.

* Finalmente non puido participar no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns.
Facebook  |  Twitter


Santa Cruz aberta ao mar 2014 - actualidade
Plataforma cidadá que avoga pola recuperación para uso público da finca do Maxi, na que se proxecta un novo edificio de apartamentos que impedirá a futura reordenación do gran centro urbano público do núcleo e tapará a recentemente descuberta visión da fachada marítima do Porto de Santa Cruz (Oleiros).

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Ramiro Vidal.
Web  |  Facebook  |  Twitter


Stop Desafiuzamentos A Coruña 2011 - actualidade
Plataforma polo dereito á vivenda que promove procesos de apoio colectivo, resistencia e acción directa contra os desafiuzamentos. Trátase dunha organización presente en moitos dos territorios, principalmente urbanos, do estado, onde tamén é coñecida como Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou PAH.

* Representada no segundo encontro #CoUrbanismoNosTalóns por Pablo Fernández.
Web  |  Facebook  |  Twitter  |  YouTube


A participación destas dez organizacións está programada para a segunda xornada de encontro do proxecto, que se desenvolverá o sábado 16 de decembro no Centro Cívico Eirís.

Neste encontro, as dez comunidades exporán da forma máis sintética posible as súas experiencias desde unha perspectiva totalmente práctica, é dicir, desde a descrición e avaliación das ferramentas empregadas na súa relación co urbanismo e cos axentes públicos e privados que o desenvolven (desde a recollida de sinaturas, a pegada de carteis ou as manifestacións, ata as notas de prensa, as vías legais, a persuasión de partidos políticos locais ou calquera outro tipo de accións propositivas ou de resistencia).