INVESTIGACIÓN



Última actualización (Versión): 15/11/2017 (V.01)



Co urbanismo nos talóns é un proceso de aprendizaxe no que a produción de coñecementos útiles para as veciñanzas afectadas pola presión urbanística terá diferentes tempos: algúns dos traballos desenvolvidos serán estudos previos necesarios para poñer en marcha o proxecto, outros iniciaranse previamente pero iranse desenvolvendo a medida que avance o proxecto (xa que requerirán de traballo de campo ou da participación doutros axentes), e outros comezarán xa nunha segunda fase, cando a comunidade de aprendizaxe comece a xerar contidos propios nas actividades públicas. Os principais ámbitos de investigación e produción de coñecementos do proxecto son, en principio, os seguintes:

  • Ámbitos de transformación urbanística e veciñanzas afectadas. Unha cuestión fundamental para comezar o proxecto, xa que a partir da identificación destes ámbitos previstos no PXOM da Coruña de 2013, poderase estudar quen son e onde se sitúan as comunidades afectadas.

  • Procesos urbanísticos. Os plans xerais e as leis do solo conteñen toda unha serie de mecanismos para definir o fondo e as formas coas que se transforman os territorios habitados que o PXOM considera prescindibles. Trátase aquí dun proceso de "desencriptamento" do urbanismo en todo o relativo aos diferentes tipos de solos, instrumentos urbanísticos, sistemas de actuación, etc.

  • Materializacións da presión urbanística. Estudo dos factores determinantes da diversidade de situacións persoais que se poden dar ante a presión urbanística, así como das súas materializacións sobre as veciñanzas da Coruña (tanto as xa experimentadas, como as posibles).

  • Vías de traballo para a resistencia das veciñanzas. Como achega final, espéranse recompilar as diferentes posibilidades e vías de traballo que podería comezar a explorar a nova comunidade de aprendizaxe e práctica para facer fronte á súa situación.