Introdución ao proxecto



Última actualización (Versión): 15/11/2017 (V.01)



1.- Co urbanismo nos talóns é un proxecto para impulsar unha comunidade de aprendizaxe e práctica arredor dos territorios habitados da Coruña que o urbanismo vixente propón transformar. Para iso, a partir dunha serie estudos previos que axuden a comprender a complexidade, a magnitude e a heteroxeneidade dos procesos urbanísticos formulados no PXOM da Coruña de 2013, desenvolveranse varias actividades públicas (tres roteiros e dous encontros) nas que as veciñanzas directamente afectadas polos plans de transformación e expansión urbana poidan:

  • a) Recoñecerse como colectivo e sentar as bases dunha comunidade transversal de aprendizaxe e práctica.

  • b) Comezar a informarse e a traballar na procura de fórmulas para enfrontarse colectivamente ás consecuencias que poden chegar a sufrir ás persoas afectadas (desde as múltiples materializacións da presión urbanística ata o desprazamento forzoso), ben coñecidas na cidade tras o recente caso do "Parque Ofimático".


Vivendas afectadas en Penamoa e A Silva de Arriba
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015) a través de Goolzoom


2.- O núcleo desta comunidade de aprendizaxe serán as veciñanzas directamente afectadas pola presión urbanística do PXOM, é dicir, aquelas que nalgún momento poderían ser desprazadas dos seus lugares de residencia por habitar en edificacións que o planeamento vixente contempla eliminar ou transformar radicalmente.

Neste primeiro impulso, a comunidade estará composta ademais por outras persoas e organizacións sociais que están a encarar, ou que xa o fixeron no pasado recente, estas ou similares situacións, así como polas concellarías municipais relacionadas coa problemática tratada, e varias persoas expertas en diferentes disciplinas vencelladas co territorio (social, legal e urbanístico) da Coruña. Por último, tamén será benvida calquera persoa interesada que desexe participar na comunidade de aprendizaxe participando nas actividades públicas ou achegando á produción de coñecementos.


Vivendas afectadas en Ramallos, O Martinete, Someso e A Cabana
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015) a través de Goolzoom


3.- Esta proposta xorde da experiencia e os coñecementos adquiridos no proxecto Cousa de Elviña (Ergosfera, 2016), un traballo que implicou a sintetización de moitos dos valores das cousas urbanas que o planeamento urbanístico considera prescindibles, así coma a análise da violencia coa que operan o urbanismo e a legalidade vixentes sobre os sempre habitados territorios galegos.

Ademais, o modelo que aspira humildemente a imitar este proxecto é o que representou no seu momento a creación das hortas do Val de Feáns (A Coruña, 2009), un proceso ideado, deseñado e coordinado por desescribir (hoxe Hábitat Social) dentro do programa A cidade dos barrios (promovido pola Delegación da Coruña do COAG e coordinado polo Estudio MMASA), que desde unha fase inicial impulsada por persoas do mundo da arquitectura, evolucionou cara unha asociación autónoma que anos despois segue plenamente activa autoxestionando as hortas. O paso do tempo fai cada vez máis indubidable a radicalidade que reprensentou este proxecto en termos sociais, institucionais e técnicos, semellando practicamente imposible producir na Coruña un impacto urbanístico semellante con tan poucos recursos invertidos.


Vivendas afectadas en San Vicenzo de Elviña, A Pereiroa, O Foxo e Monte Mero
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015) a través de Goolzoom


4.- Co urbanismo nos talóns aspira a ser, polo tanto, a fase inicial dun proceso de máis longo percorrido e xa autónomo, se así o entenden oportuno as persoas participantes. Nesta primeira fase está sendo desenvolvido por Ergosfera, como parte do programa de proxectos de innovación social para 2017 do Co-Lab, o Laboratorio Cidadán da Coruña impulsado pola Concellería de Participación e Innovación Democrática do Concello da Coruña.

Toda a información sobre a "Convocatoria para a realización de proxectos de innovación social dentro do programa Laboratorio de Innovación Cidadán 2017 da Concellería de Participación e Innovación Democrática" pódese consultar na páxina web do perfil do contratante do Concello da Coruña, aquí.