Motivacións: por que é necesario este proxecto, na Coruña, no ano 2017?



Última actualización (Versión): 15/01/2018 (V.02)



As motivacións que impulsaron este proxecto derívanse da reflexión sobre tres cuestións principais:




1.- Os procesos contemporáneos de presión urbanística sobre as veciñanzas urbanas

[ TEXTO EN PROCESO ]


Aínda que a meirande parte das persoas vivimos en casas e barrios sobre os que non existe unha ameaza directa e planificada de transformación urbanística, os plans xerais de ordenación municipal sempre incorporan ámbitos de transformación que afectan a lugares habitados e que implican o desprazamento das súas veciñanzas. Se ben durante os periodos expansivos, esta era a causa principal deste tipo de movementos involuntarios, cada vez é máis común que diferentes ámbitos das cidades sufran algún tipo de proceso de expulsión cidadá. Procesos que basicamente teñen como resultado a substitución das poboacións residentes nun determinado territorio ou a transformación radical das súas condicións de vida en base a plans ou procesos urbanísticos (maioritariamente, inmobiliarios) dos que case nunca son partícipes no momento da súa concepción.

Nos últimos anos vénse configurando un contexto socioeconómico no que a presión sobre as veciñanzas urbanas artéllase a través de tres procesos claramente diferenciados: a xentrificación, a turistificación e as operacións de desenvolvemento ou transformación urbanística. Cada cidade pode ou non experimentar estes procesos con distintas intensidades, orixes e ámbitos de influencia, pero as súas consecuencias (sempre nos dous primeiros casos e moitas veces no terceiro) veñen sendo as mesmas: a substitución duns ecosistemas humanos e non humanos máis ou menos arraigados nun lugar por outros novos, sempre dende a lóxica do poder político e económico e, aínda que polo xeral dentro das canles legais establecidas, case nunca dende a xustiza social que ese sistema lexislativo debería asegurar nunha democracia.


Proceso

Definición

Ámbito de incidencia principal

Xentrificación

Proceso de substitución das poboacións establecidas nun determinado territorio por outras con maior nivel económico, normalmente vehiculado mediante operacións de mellora ou "embelecemento" do espazo público e a rehabilitación inmobiliaria e comercial dun lugar previamente estigmatizado e considerado abandonado ou degradado.

Centros urbanos.

Turistificación

Proceso de substitución das poboacións establecidas nun determinado territorio por outras con maior nivel económico, neste caso habitantes temporais (turistas), a partir dun proceso de transformación dos barrios que muda gradualmente o tecido residencial por hoteis, apartamentos e servizos de uso turístico.

Centros urbanos.

Operacións de desenvolvemento
e transformación urbanística

Transformación dos territorios que o urbanismo considera "baleiros", "non consolidados" ou aptos para seren transformados, que soe implicar a expulsión das súas poboacións residentes mediante diferentes fórmulas legais e procesos de presión urbanística.

Grandes ámbitos periféricos e pequenos intersticios nos centros urbanos.

T.01.- Procesos contemporáneos que implican presión e desprazamento para as veciñanzas urbanas
Táboa: Elaboración propia.



En canto á resposta social fronte a estes procesos a nivel estatal, durante os anos máxicos da burbulla inmobiliaria, a expansión urbanizadora das cidades non implicou unha gran mobilización cidadá contra o modelo urbanístico español, al menos en termos dos desprazamentos que implicaba para as poboacións orixinais dos novos territorios urbanos.

Por unha parte, é posible que a razón principal é que foron outras as consecuencias do sistema inmobiliario estatal as que si foron postas en crise pola sociedade dunha forma prioritaria: tanto o disparatado aumento do prezo da vivenda (a Plataforma por una Vivienda Digna ou V de Vivienda comezan as súas grandes mobilizacións en 2006), como a destrución do territorio (se cadra demasiado centrada na proteción de determinados ámbitos ou obxectos arquitectónicos desde a perspectiva medioambiental ou patrimonial, e menos no desvelamento da irracionalidade do modelo) ou a consolidada relación entre urbanismo e corrupción en todos os niveis das administracións públicas (tendo en conta, iso si, que en 2017 fanse chistes sobre o aumento de votos que produce cada caso de corrupción para os partidos políticos implicados), si que lograron un oco nas preocupacións transversais á sociedade.

Por outra parte, quizais tamén tivo que ver o feito de que os territorios e núcleos afectados, maioritariamente de orixe preindustrial e agora xa periferias urbanas demograficamente envellecidas e sen unha masa crítica relevante (dispersas e desconectadas), se encontran sempre fóra das redes do poder político (institucional e mediático), polo que a súa voz é posible que non atopara oíntes. Por último, tampouco hai que esquecer que unha parte das veciñanzas afectadas, nunha porcentaxe variable en cada caso e sempre desde a perspectiva das persoas na súa condición de propietarias, non de habitantes, é posible que simplemente consideraran esta situación como unha grata sorpresa moi beneficiosa economicamente, polo que non habería motivo ningún polo que protestar.

Así pois, existindo mobilizacións contra procesos urbanísticos no pasado, case nunca estaban relacionadas cos desprazamentos de poboacións, senón con operacións que a cidadanía percibía como negativas para A Coruña, como as protestas contra a elevación e conversión en autestrada da avenida de Lavedra ou o "Proxecto Bofill" para o borde costeiro da cidade a mediados dos anos oitenta, ou contra as novas construcións na avenida das Xubias nos noventa.

É tamén certo que esta diferenza con outros territorios europeos quizáis teña que ver co noso pasado. O periodo de dictadura non permitiu explorar a lexitimidade pública destas mobilizacións, non sendo moi recordadas as protestas contra os grandes procesos urbanizadores do século XX na Coruña, aínda que implicaron que barrios como Santa Lucía ou Os Muíños foran eliminados polos novos accesos viarios á cidade e o desenvolvemento do Polígono de Elviña. Ata chegar ao caso das veciñanzas de Elviña contra o desenvolvemento do Plan Parcial "Parque Ofimático", xa nos anos dez do século XXI, non se creou unha certa conciencia social sobre este tipo de problemas. Un recoñecemento aínda non transversal, entre outras cousas debido de que sempre se trata de denuncias de casos particulares sen demasiada incidencia na lexitimidade do modelo urbanístico transversal a todos eles, unha cuestión colectiva na que o "pelotazo" urbanístico e falla total de participacion veciñal son pezas clave no sistema e perfectamente legais.

Na post-burbulla, porén, cando quebra o modelo expansivo e os capitais inversores volven a mirada cara os centros urbanos, todo parece indicar que está a comezar un ciclo de activismo e concienciación pública sobre as súas consecuencias. Os habitantes dos centros urbanos comezan a mobilizarse ao se sentiren ameazados por procesos como a xentrificación ou a turistificación, que xa son percibidos por unha poboación máis transversal e con outra incidencia social e política. É certo que queda moito por estudar sobre ambos fenómenos, sobre todo no que se refire ás posibles accións para defender os intereses das maiorías nun contexto onde, aínda que comezan a ter algo de incidencia, ambos conceptos aínda non están ben introducidos no debate público. Evidentemente, e entre outras razóns, porque ambos forman parte do sistema desde unha posición de poder.


Festival UrbanBAT 2017 "Desplazamientos"
(Bilbao, novembro de 2017)

Xornadas sobre xentrificación e turistificación organizadas polos Círculos de Podemos Centro
(Madrid, marzo de 2017)

Obra de Alejandro do Tormento contra a xentrificación e a turistificación en Malasaña
(Madrid, abril de 2017)


O Festival UrbanBAT tratou este ano precisamente dos desprazamentos das veciñanzas dos centros urbanos a causa principalmente destes dous procesos: a xentrificación e a turistificación, os mesmos conceptos estudados nunhas xornadas organizadas polos Círculos de Podemos Centro en Madrid e os mesmos que xa poden protagonizar obras de "arte urbano" como a de Alejandro de Tormento dentro do ¡Pinta Malasaña! 2017. Unha simple mostra de que o debate, aínda que non chegou a súa aceptación masiva como un problema serio ao que se enfrontan as cidades, xa saíu dos redutos máis académicos e activistas cara encontros sobre temas urbanos de carácter moi aberto e transversal como UrbanBAT, foros de partidos políticos como Podemos ou obras de arte avaladas por un Concello.

O contexto no que se sitúan estes procesos está conformado por máis elementos. Nas grandes cidades, atopámonos nun presente marcado por unha importante disputa territorial que, só en termos residenciais, podería esquematizarse como un conflito entre os intereses capitalistas e o dereito á cidade. Un contexto certamente complexo onde conviven, por exemplo:

  • - Os grandes procesos do mobbing inmobiliario, participados por novos axentes cada vez máis organizados e violentos (véxanse os casos de MK Premium ou Desokupa).

  • - Os procesos de concentración da propiedade: desde os pequenos pero sistémicos movementos a nivel dun parque inmobiliario municipal, ata os grandes procesos e figuras globais da acumulación inmobiliaria (como Pontegadea Inmobiliaria, unha das sociedades de Amancio Ortega coa que leva anos mercando grandes edificios e locais nas rúas máis importantes do planeta).

  • - A chegada dos grandes capitais ao mercado do aluguer, de máxima actualidade coas novas sobre as dúas grandes Socimis emerxentes (Testa Residencial -Santander, BBVA, Acciona e Merlin- e Témpore Properties -Sareb-) ou a entrada de multinacionais (como Spaces ou WeWork) e sociedades inmobiliarias (como Colonial) no mercado dos espazos de coworking.

  • - A continuidade das accións da Plataforma de Afectados pola Hipoteca ou Stop Desafiuzamentos, un movemento que segue a paralizar execucións de desaloxo por todo o Estado e cuxa lexitimidade social sen dúbida influíu na chegada á alcaldía de Barcelona dunha persoa, Ada Colau, proveniente do activismo contra os desafiuzamentos, unha das materializacións máis dramáticas do modelo urbano e inmobiliario dominante.

  • - A aparición de formas emerxentes de resistencia, como os novos sindicatos de inquillinxs (Sindicato de inquilinas e inquilinos de Madrid e Sindicat de llogaters en Barcelona) que comezan a organizarse para loitar polo acceso á vivenda digna desde a perspectiva dos alugamentos.

  • - E moitas outras cuestións como, por exemplo, o papel incomprensible de universidades e colexios profesionais vinculados ao urbanismo ante a estafa bancaria a costa da burbulla inmobiliaria (60.000 millóns xa considerados irrecuperables) ou ante as consecuencias do modelo residencial estatal e a súa ineficacia para asegurar o dereito á vivenda e á cidade. É moi significativo que un dos grandes proxectos do COAG nestes anos post-burbulla sexa a elaboración dunha "guía de cor e materiais" para integrarse nas "paisaxes de Galicia" (!?), ofrecendo así a lexitimidade técnica que necesitaba o goberno autonómico para que as leis do solo sigan falando máis de "feísmo" que de dereitos, vivenda ou propiedade de solo.

É certo que na Coruña habitamos nunha escala urbana onde os fenómenos globais se materializan con outra intensidade, pero tamén é certo que temos outras condicións propias, como o peso dunha empresa do tamaño de Inditex, cuxas sensibles e involuntarias consecuencias sobre o mercado do aluguer local non se teñen porque supeditar ao interese público. Sen entrar no tema en profundidade, comezan a notarse os síntomas da consolidación nunha escala percibible do que se deu en chamar "clases creativas", o que sen dúbida representa hoxe un fenómeno a ter en conta na análise da realidade inmobiliaria da cidade. Un exemplo quizais banal, mais significativo, poder ser que a clásica "pregunta de seguridade" informal que facían nun tempo moi recente os propietarios de inmobles en aluguer sobre se a persoa candidata era funcionaria, está a ser substituída pola pregunta sobre se traballa en Inditex.

O panorama descrito provocou que nos últimos anos estean a xurdir numerosos estudos sobre dous destes procesos de desprazamento (a xentrificación e a turistificación), sobre todo a raíz da crise e da burbulla inmobiliaria, un contexto que situou nun segundo plano as consecuencias dos novos desenvolvementos inmobiliarios (ao ter sido estes maioritariamente paralizados e existir unha inxente cantidade de solo urbanizable non finalista en mans de entidades financeiras públicas e privadas), e ao terse relanzado a reconquista do centro urbano como espazo de máximo proveito inmobiliario. Porén, este momento de aparente calma é en realidade unha fase máis dun proceso no que todos os axentes inmobiliarios se sitúan e toman posicións nos territorios transformables das cidades, polo que a súa actualidade e trascendencia para as persoas afectadas é indubidable.

Así pois, sen restar importancia a eses dous procesos que atinxen principalmente aos centros urbanos, e que sen dúbida merecen un estudo de caso na Coruña* canto antes, este proxecto busca impulsar unha comunidade de aprendizaxe e práctica arredor do terceiro deles: as operacións de desenvolvemento e transformación urbanística na Coruña. É dicir, traballarase cos territorios e comunidades ameazadas polo urbanismo vixente de xeito que, como mínimo, se poida situar no debate público a necesidade de tomar medidas tras as inxustas experiencias vividas na cidade nas últimas décadas.

* No referido á xentrificación, e para o caso da Coruña, pódese consultar a tese de doutoramento de Alberto Rodríguez Barcón: "Produción cultural, cambio social e política urbana: procesos de xentrificación no centro histórico da Coruña" (Universidade da Coruña, 2015).



2.- A riqueza dos ecosistemas urbanos no territorio galego

[ TEXTO EN PROCESO ]


A Gramela, Penamoa, O Campanario, A Felga, Ramallos, O Foxo, Monte Mero... son moitos os lugares habitados da Coruña que o urbanismo vixente só é quen de entender como bolsas de solo abstractas, baleiros expectantes cuxas formas de vida, patrimonios populares ou valores bióticos desaparecen no PXOM baixo unha cor e unha nomenclatura alfanumérica.

Ademais das veciñanzas que habitan os pequenos núcleos e agrupacións dispersas das primeiras periferias da cidade, os territorios afectados compóñense de moitos elementos físicos e inmateriais, humanos e non humanos, que moitas veces poderían chegar a ser considerados novos patrimonios urbanos: vivendas habitadas ou habitables, outras edificacións e ruínas, solos produtivos-agrícolas, trazas catastrais complexas de orixe preindustrial, redes de camiños que priman a mobilidade peonil, vexetación e ecosistemas inexistentes noutros ámbitos da cidade, grandes descampados que funcionan como exterioridades, modos de vida, actividades e memorias diversas, etc.

Todo semella indicar que o PXOM realízase desde unha escala moi ampla que non permite estudar os posibles valores sociais e patrimoniais presentes nestes territorios, cando, en realidade, a maioría das veces senón todas, os desenvolvementos urbanísticos programados poderían ser compatibles, incluso en termos de aproveitamento, coa preservación de moitos destes valores.

Neste sentido, unha das características máis relevantes dos plans xerais de ordenación municipal é a complexidade da súa tramitación, xa que, mentres que se poden promulgar leis en poucos meses ou incluso cambiar a constitución nun só mes (como ocurreu en 2011 para "calmar aos mercados"), un PXOM é un instrumento legal cuxo proceso de elaboración e aprobación dura sempre varios anos.

É indubidable que falamos de documentos moi completos, cunha inxente cantidade de información analítica, normativa e cartográfica, pero iso non fai senón facer máis sorprendente a cuestión do que non está incluído neles: como é posible que entre os múltiples estudos e documentos que debe incluír un PXOM non sexa necesario realizar unha análise e un mapa das vivendas que contempla eliminar?

Trátase dunha situación que só pode considerarse como moi estraña, xa que se algo parece remitir desde a perspectiva dun PXOM ao sacrosanto concepto da "seguridade xurídica" é precisamente que a xente cuxa vivenda se propón eliminar sexa interpelada dunha forma máis explícita que o resto das veciñanzas do municipio (recórdese aquí, por exemplo, a enorme polémica polo "fóra de ordenación" no PXOM agora vixente, e a súa sensible repercusión nas últimas elecións da era bipartidista na Coruña, aínda tendo unhas consecuencias directas sobre as persoas afectadas moito menor que o seu desprazamento obrigado ou forzado).


Vivendas afectadas en Marzán, Orra e Agra de San Cristovo
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015)
a través de Goolzoom

Vivendas afectadas no Martinete
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015)
a través de Goolzoom


Para explicar porque aínda non é esixible a realización dun documento tan útil e necesario para esa parte da poboación afectada directamente polo planeamento municipal, pódense argumentar varios factores:

  • - Por unha parte, as veciñanzas afectadas non adoitan ter nin masa crítica nin poder de incidencia política. De feito, o descoñecemento da súa propia situación é moi útil para os axentes aos que en realidade interpela o PXOM, aqueles que a partir do acceso a esa información intentarán comprar os terreos cos que facer negocio no futuro (sempre é preciso remarcar que falamos dun campo, o urbanismo, cunha incidencia transcendental no sector inmobiliario, un dos grandes pilares da economía e o poder político estatal e local).

  • - Por outra parte, tamén é certo que o noso sistema socioeconómico só é quen de entender esta situación case como unha bendición para quen lle toque: como non vai ser máis desexable a participación nas plusvalías urbanísticas que o simple feito de habitar un lugar? Non é este un tema secundario, porque incluso nos casos nos que non haxa unha vontade explícita de beneficiar o sector inmobiliario, unha boa parte do poder político considera que o mellor que lle pode pasar a unha persoa propietaria é facer negocio co que ata ese momento só tiña a opción de utilizar para vivir ou alugar.

  • - Por último, tampouco o discurso medioambiental logrou permear neste sentido as lóxicas dos instrumentos técnicos que son os que finalmente teñen incidencia na construción do mundo: no contexto do cambio climático e os debates sobre o antropoceno ou o capitaloceno, parece razonable que os plans non fomenten a destrución de ningunha construción a non ser que sexa por un interese público perfectamente demostrable. Só por unha cuestión medioambiental, ninguna edificación debería destruírse sen contar co desexo dos seus habitantes ou calquera outra motivación razoada.

A cuestión é que este tipo de procesos de desprazamento de veciñanzas arraigadas nun lugar e de destrución de patrimonios edificados representantes dunha sensible diferenza formal, quedaron dentro das leis de solo, completamente invisibilizados como problema salvo cando a protesta cidadá materialízase dun xeito firme (como en Elviña). Dentro da lei, aínda tendo experimentado casos como o do "Parque Ofimático" na Coruña, que demostran o ineficaz e inxusto da lei do solo, a última de 2016, cando xa abondo se coñecían os seus resultados para as partes máis sensibles do proceso urbanístico: as veciñanzas que habitaban o lugar e os cooperativistas que, aínda hoxe, non puideron entrar nas súas vivendas.

Se pensamos en calquera gran operación urbanística en Galicia, o máis usual é que o territorio teña preexistencias e habitantes dentro dos ámbitos definidos nos instrumentos de planeamento. Aínda asumindo que esas operacións de transformación urbanística sexan razoables e necesarias, o que non ten sentido é nin tan sequera intentar incluír o existente ata onde sexa posible: tanto por xustiza cara as persoas que alí habitan se o queren seguir facendo aínda que os seus arredores vaian cambiar, como polos seus valores urbanísticos como pezas que dotan de vida, carácter e urbanidade á nova peza da cidade xa desde o seu comezo, os seus valores como patrimonio histórico que permiten unha lectura do territorio desde a memoria, ou simplemente porque na maioría de ocasións non ten sentido malgastar recursos destruíndo vivendas para construír outras novas.


Vivendas afectadas en Peruleiro (Camiño do Pinar)
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015)
a través de Goolzoom

Vivendas afectadas en Eirís de Arriba e A Canteira
Imaxe: Elaboración propia, sobre a vista oblicua de Google Maps (2015)
a través de Goolzoom


A pesar de todos estes motivos, o debate intelectual sobre a riqueza dos ecosistemas urbanos no territorio* galego está moi influenciado na actualidade, entre outras, por as seguintes tres cuestións:

  • - Un consenso político total (PP, En Marea, PSOE e BNG) en torno á ideoloxía do control de cada metro cadrado do territorio desde sistemas de comprensión xenéricos e limitados ás referencias foráneas, non desde as lóxicas existentes no territorio galego.

  • - A liña editorial dos medios da Corporación Voz, que xa desde hai moitos anos decidiron que a mellor perspectiva para analizar o territorio era a da estética (decidida desde os centros metropolitanos) e a dos valores traducibles aos parámetros económicos do sector turístico, tan ben vehiculados a través do termo "feísmo".

  • - A preferencia pola pureza do deseño e a persistencia en imaxinar o mundo a partir da tabula rasa que se prima na educación universitaria das persoas que finalmente influenciarán o debate desde o plano técnico (por poñer un exemplo, nas clases de proxectos, a materia central do grao en arquitectura, vense definindo á análise urbanística como o "plano de situación": ningunha cousa urbana é valorable se non sae na imaxe do voo americano do 56-57 ou non está catalogada como patrimonio oficial).

Neste contexto, pódese entender o desleixo cara as preexistencias do territorio* que non entran na definición académica do que en cada momento sexa considerado patrimonio culturalmente relevante.

A lexitimidade da preservación destes elementos preexistentes ten que ver, porén, coas urbanidades galegas que, como mínimo, marcaron o último século de proceso urbanizatorio: urbanidades que acollen con naturalidade o impuro e o corrupto, os procesos incrementalistas, as mesturas de usos ou as formas urbanas de edificación discontinua con baleiros e medianeiras, mais con memoria, patrimonios ordinarios e múltiples futuros posibles. Por moi contraditorio que sexa isto coas interpretacións máis ortodoxas do urban design, a preservación do existente e a súa mestura co novo, sexa o que sexa, é quizais o xesto práctico con máis relevancia á hora de pensar o que pode significar a modernización da cidade, ou o que é o mesmo neste caso: a galeguización da Coruña.

* Como introdución a outra perspectiva de análise do territorio galego pódese consultar a documentación producida para o proxecto ¡Eu si quero feísmo na miña paisaxe! (Ergosfera, 2011-actualidade), un traballo sobre as cualidades detectadas en moitos dos procesos e cousas urbanas relacionadas cun fenómeno non teorizado chamado "feísmo", e que as novas normativas urbanísticas pretenden eliminar sen reflexión previa.



3.- O caso do "Parque Ofimático" na Coruña

[ TEXTO EN PROCESO ]


Se algo temos aprendido dunha operación tan longa e traumática como o desenvolvemento do Plan Parcial "Parque Ofimático" é que o urbanismo é un proceso de transformación do territorio no que os seus habitantes poden verse convertidos en simples testemuñas e vítimas duns plans que nunca lles foron explicados, nin moito menos consultados*.

O devandito plan sacou á luz problemas históricos como o das presións para que os veciños abandonen as súas vivendas ou os desaloxos forzosos, así como outros máis novos, como a conversión en promotores da veciñanza que non desexaba vender as súas vivendas. Estes problemas non se circunscriben por suposto ao ámbito do "Parque Ofimático", senón a todos os solos que o vixente PXOM propón transformar, e que, no seu conxunto, significan máis do 40% da superficie municipal (ver a táboa T.02).


Movilización cidadá ante o desaloxo e derrubamento da casa de Isabel e Varo na Pereiroa (San Vicenzo de Elviña) o 27 de novembro de 2014
Imaxes: César Quián - La Voz de Galicia


A experiencia acumulada en San Vicenzo de Elviña, A Pereiroa, Xuxán, As Cernadas, Galán e O Foxo durante o desenvolvemento do "Parque Ofimático" (ou a de San Roque de Fóra ou Vioño uns anos antes) permítenos coñecer as formas nas que se traduce a presión urbanística sobre un determinado territorio. Unha serie de accións cuxo obxectivo é que os veciños e propietarios do solo vendan as súas casas e terras e abandonen o lugar: ofertas económicas expostas cada vez con máis insistencia, ameazas de expropiación, desaloxos forzosos, accións legais, solicitude de cotas de urbanización inasumibles, presións mediáticas, etc.

Todo un conxunto de accións complementadas cunha situación urbanística fundamental: a paralización derivada da súa condición de solos transformables ou urbanizables, unha condición de futuro máis que de pasado ou presente, que supón que ata que non se executen as figuras urbanísticas establecidas no PXOM non se realizan as obras de actualización urbanística convencionais. En moitas ocasións, as consecuencias desta paralización (que nalgúns casos comezou xa hai máis de 30 anos, co PXOM de 1985) conlevan directamente a inexistencia de servizos públicos básicos (sumidoiros, beirarrúas, iluminación, mobiliario urbano, etc.), entrando estes territorios nunha situación de abandono que reflicte un problema de inxustiza social evidente (noutro contexto, tamén habería que reflexionar sobre a influencia desta situación irracional nas posibilidades destes territorios de chegar como diferenza urbana ata os nosos días).


Violencia policial no desaloxo e derrubamento da casa de Isabel e Varo na Pereiroa (San Vicenzo de Elviña) o 27 de novembro de 2014
Imaxes: César Quián - La Voz de Galicia


Un último aspecto remata por compoñer a paisaxe de desatinos xerada pola concepción e a xestión do "Parque Ofimático": as presións sobre as veciñanzas do lugar non só proviñeron do sector da promoción inmobiliaria ou das administracións públicas local e galega, senón que a situación chegou ao punto de producirse un conflito entre as persoas residentes no lugar e os novos veciños cooperativistas da urbanización. É moi preocupante que a incapacidade política para xestionar este proxecto rematara xerando problemas entre as propias veciñanzas da cidade.

Mire desde onde se mire, parece claro que o caso do "Parque Ofimático", un proceso de case 30 anos no que a situación revelouse irracional, obriga a abrir o debate sobre os erros cometidos ata chegar á situación actual, así como sobre as posibles accións para que devanditos erros non se repitan nas seguintes operacións urbanísticas que se poñan en marcha na Coruña ou en calquera outro municipio de Galicia.


Derrubamento da casa de Isabel e Varo na Pereiroa (San Vicenzo de Elviña) o 27 de novembro de 2014
Imaxes: Victor Echave - Faro de Vigo (1 e 2) e Atlántico (3)


Aínda que a cuestión da que estamos a falar, a presión urbanística sobre un número descoñecido de veciños e veciñas da Coruña, está sempre invisibilizada agás cando se producen manifestacións cidadás (entre outras cousas, porque ten encaixe na lexislación vixente), trátase dun problema perfectamente esperable atendendo á historia recente de casos como o do "Parque Ofimático", polo que é unha responsabilidade adiantarse aos seus efectos e indagar colectivamente, por exemplo: cantas vivendas propón destruír e cantas persoas propón desprazar dos seus territorios o PXOM?, sentiuse xa algún tipo de presión urbanística nestes territorios?, existen alternativas para a veciñanza afectada?, como encarou a sociedade esta situación ou similares no pasado?, cal podería ser o papel do Concello neste conflito?, sería útil promover unha organización transversal a toda a veciñanza afectada?

* Sobre o caso do "Parque Ofimático" pódese consultar a documentación producida para o proxecto Cousa de Elviña (Ergosfera, 2016), un traballo realizado desde a perspectiva das vivendas habitadas que permanecen na Pereiroa (San Vicenzo de Elviña), pero que conta con varias análises do principal proceso urbanístico que as ameaza: o Plan Parcial "Parque Ofimático".