Obxectivos do proxecto



Última actualización (Versión): 15/11/2017 (V.01)



Co urbanismo nos talóns estrutúrase ao redor das comunidades que habitan os territorios para os que o PXOM vixente propón unha transformación radical e que, por tanto, están a enfrontarse, ou o poden facer nun futuro próximo, a diferentes materializacións da presión urbanística para que abandonen as súas vivendas. Os obxectivos principais do proxecto son os seguintes:


A Canteira de Eirís
Imaxe: 26-09-2017

Ramallos
Imaxe: 04-11-2017

Agra do Foxo
Imaxe: 11-11-2017


  • Evitar que centos de veciños e veciñas da Coruña teñan que enfrontarse aos mesmos problemas de presión urbanística e desprazamento que provocou nos últimos anos o desenvolvemento do Plan Parcial "Parque Ofimático" en lugares como Elviña, Galán, Xuxán, As Cernadas, Eirís de Abaixo ou O Foxo.


Penamoa
Imaxe: 22-09-2017

A Silva de Arriba
Imaxe: 22-09-2017

As Atochas
Imaxe: 16-11-2017


  • Coñecer a magnitude do problema (a situación e o número de vivendas afectadas) e describir todas as posibles materializacións da presión urbanística nos barrios da Coruña que acollerán operacións de desenvolvemento ou transformación urbana. Investigar e desencriptar os diferentes tipos de procesos urbanísticos planificados no PXOM, de xeito que se poida abrir un debate público máis informado sobre os problemas aos que se enfrontan estas comunidades invisibilizadas na cidade.


O Martinete
Imaxe: 29-09-2017

Marzán
Imaxe: 04-11-2017

Orra
Imaxe: 04-11-2017


  • Analizar colectivamente as diversas formas de relación entre as veciñanzas e a súa realidade urbanística, estudando as "vitorias" e "derrotas" das diferentes loitas populares desenvolvidas nos últimos anos contra políticas, procesos ou operacións relacionadas co urbanismo na Coruña metropolitana. Nesta análise, prestarase especial atención ás formas de comunidade creadas arredor destes procesos, así como á operatividade das diferentes estratexias e medidas concretas desenvolvidas ata agora polas veciñanzas afectadas.


A Pasaxe
Imaxe: 11-11-2017

Eirís de Arriba
Imaxe: 26-09-2017

A Silva de Abaixo
Imaxe: 22-09-2017


  • Propiciar o encontro e o recoñecemento de todas as comunidades baixo a presión urbanística do PXOM da Coruña de 2013, abrindo a posibilidade dunha nova comunidade de pensamento e acción aberta a toda a veciñanza afectada (xa que, ata agora, case sempre se enfrontan ao problema por separado e cando xa están moi avanzados os procesos). A partir da síntese dos coñecementos compartidos nesta fase do proxecto, intentarase concluír cunha especie de axenda de traballo para as comunidades que desexen seguir encarando xuntas as consecuencias sobre os seus territorios vitais da planificación urbanística vixente.


A Pereiroa
Imaxe: 11-11-2017

O Foxo
Imaxe: 11-11-2017

Cadaveiras
Imaxe: 04-11-2017


  • Dar a coñecer as cualidades dos territorios que o urbanismo contempla transformar desde varias perspectivas: desde a social (o valor de habitar e converter en barrios territorios moitas veces periféricos e infraestruturais, fronte á inxustiza de botar á xente das súas casas sen existir un interese público obxectivo na maioría dos casos), ata a urbanística (a irracionalidade de desprezar a potencialidade das urbanidades galegas, o respecto por unha substancia arquitectónica sempre diferente e capaz de pautar e complexizar o crecemento e a transformación da cidade); desde a medioambiental (a senrazón en termos de recursos materiais e enerxéticos que significa a destrución de vivendas habitables, ou rehabibilitables cunha mínima inversión, unicamente para construír outras novas), ata a patrimonial (a necesidade da memoria social e técnica para que unha cidade sexa rica en experiencias). En definitiva, o proxecto busca introducir unha descrición destes ámbitos como fogar das súas respectivas veciñanzas (condición social), mais tamén como territorios complexos cargados de valores urbanísticos, ambientais e patrimoniais que, o menos que merecen, é un mínimo debate sobre a pertinencia ou non da súa preservación.


O Portiño
Imaxe: 22-09-2017

Pedralonga
Imaxe: 26-09-2017

Monte Mero
Imaxe: 26-09-2017