O PATRIMONIO VIVIDO COTIANDADE E DOMESTICIDADE NOS TEMPOS DO TURISMO MASIVO




GAL  |  ESP


Grupo de rapaces xogando cunha chapa metálica nas escaleiras da praza da Quintana
Fotografía: Manolo Villar (19XX) | El Correo Gallego (15/01/2018)



Obradoiro que se desenvolveu o mércores 25 de setembro en Santiago de Compostela, como parte do X Encontro Cultura e Cidadanía, e no que se traballou sobre un dos debates de actualidade en torno ao impacto do turismo nas cidades: a relación material das persoas co patrimonio cultural urbano.

Unha cuestión que se tratou desde dúas perspectivas: a da cidadanía residente, abordando os cambios nos modos de vivencia cotiá da cidade e do patrimonio inducidos pola masificación turística experimentada nas últimas décadas (como fenómeno global e como situación con características propias no caso de Santiago de Compostela); e a da cidadanía visitante, enfrontada cada vez máis a formas de control baseadas en conceptos como a "calidade visual" do patrimonio, unha idea que toma partido entre un suposto dereito á súa contemplación inmaculada e as prácticas turístico-populares cun carácter máis doméstico ou que implican un certo grao de territorialización urbana.

O patrimonio vivido: cotiandade e domesticidade nos tempos do turismo masivo foi unha actividade coordinada por Ergosfera, de acceso público gratuíto e con inscrición previa desde este formulario.















ACTIVIDADES

INTRODUCIÓN

Cuestións xerais

1.- A vivencia cotiá do patrimonio por parte da cidadanía residente fronte aos impactos da intensificación turística

2.- A vivencia doméstica do patrimonio por parte da cidadanía visitante fronte ás formas de control urbano
PRESENTACIÓN INICIAL

OUTROS MATERIAIS

CRÉDITOS










ACTIVIDADES



O obradoiro desenvolveuse o mércores 25 de setembro de 2024 entre as 10:45 e as 13:45 h (3 horas de duración) e estivo organizado en dúas partes:



* O proxecto Unitaria (Calzada de San Pedro, S/N), en funcionamento desde 2015, é un espazo multidisciplinar e colaborativo vencellado ás Industrias Culturais e Creativas de Galicia, xestionado pola "Asociación de Amigos si, pero a Vaquiña polo que Vale" e con base social na cidade de Santiago de Compostela.

** A Asemblea Aberta do Matadoiro, constituída en marzo de 2024, é unha plataforma cidadá que busca recuperar a Casa do Matadoiro para o seu uso colectivo mediante a autoxestión. Composta por veciñanza diversa, incluíndo perfís culturais, artísticos, técnicos, investigadores e activistas, o seu obxectivo é crear un espazo xestionado pola comunidade para a realización de actividades sociais, culturais e de lecer afastadas do consumo e do modelo comercial. Neste espazo, a cidadanía, os movementos sociais, os investigadores e os artistas poderán reunirse, programar actividades e promover modelos alternativos de convivencia e construción urbana, poñendo ás persoas e á colectividade no centro dos seus procesos.





Fotografías: Casteleiro e Rocío Cibes | 25/09/2024 | X Encontro Cultura e Cidadanía



▲






INTRODUCIÓN



[ Co ánimo de abrir o seu proceso de preparación e desenvolvemento, compártense a continuación un amplo conxunto de notas de traballo que poden servir como introdución ao obradoiro e que se expuxeron de forma resumida durante a presentación inicial do mesmo. É preciso sinalar que se trata de notas realizadas desde un certo coñecemento de Santiago, pero non desde a condición de veciñes, polo que moitas das impresións comentadas deben ser entendidas como visións desde fóra da cidade. Versión 4 - 30/09/2024. ]



Grupo de persoas comendo fronte á Catedral na praza do Obradoiro
Fotografía: Paco Rodríguez (1X/07/2024) | La Voz de Galicia (22/07/2024)



CUESTIÓNS XERAIS



Os impactos do turismo nas cidades contemporáneas son moitos e cada vez están máis estudados, principalmente, aqueles que implican a transformación dos usos nos tecidos urbanos preexistentes á masificación turística. Neste sentido, Santiago de Compostela está a converterse nunha das cidades pioneiras no estudo e a implementación de medidas contra as consecuencias materiais do turismo masivo sobre as que cada día hai un maior consenso social: desde a proposta* de taxas especiais para afrontar os gastos en servizos derivados da actividade turística ou a regulación das denominadas VUT (Vivendas de Uso Turístico) para que afecten o menos posible ao acceso popular á vivenda, ata o intento de protección do comercio de proximidade, a creación de códigos de boas prácticas turísticas ou as campañas de sensibilización ou de descentralización dos fluxos turísticos.

* Trátase dunha proposta municipal por agora non aplicada porque, a pesar de que o impacto do turismo é un tema de debate público desde hai anos, o Goberno da Xunta de Galicia négao e dedícase a dificultar ou a impedir que os Concellos como o de Santiago de Compostela tomen as medidas que consideran oportunas para afrontar os distintos problemas que xera o turismo en cada caso.

Aínda que desde a perspectiva urbana parece máis urxente estudar os problemas materiais derivados do turismo (como o seu impacto no acceso á vivenda e o desprazamento-expulsión popular, a acumulación capitalista derivada do traballo precario e a explotación do patrimonio común, ou a saturación de espazos, equipamentos e servizos públicos pensados e dimensionados para outro tipo de uso), o posicionamento do Concello de Santiago, sensible polo menos a moitos dos problemas que chegan á conversación pública, permite que non sexa unha frivolidade tentar ampliar o debate e o pensamento cara a campos menos traballados ata o de agora.

É neste contexto no que se formulou este obradoiro sobre algúns aspectos e casos concretos relativos á relación material entre as persoas e o patrimonio cultural urbano nos tempos do turismo masivo. Unha cuestión que se abordou como un cambio planetario, que afecta a Santiago, pero tamén a miles de cidades do mundo, e como un proceso de transformación urbana que debe ser lido dunha forma crítica e resolutiva ante os seus impactos, pero tamén sensible e atenta ás externalidades non planificadas que produce e que poden ser do máximo interese público en termos urbanos e sociais.


Antes de introducir os temas concretos que se traballaron no obradoiro, coméntanse a continuación varias cuestións de interese que poden axudar a contextualizar o caso de Santiago de Compostela:




Partido de fútbol na praza do Obradoiro como reivindicación dun polideportivo para o IES Rosalía de Castro
Fotografía: ECG (1993) | El Correo Gallego (08/08/2018)



Neste contexto, O patrimonio vivido: cotiandade e domesticidade nos tempos do turismo masivo é un obradoiro no que se traballou sobre a relación das persoas co patrimonio cultural urbano a través a súa vivencia cotiá e doméstica, reflexionando colectivamente e a partir do caso de Santiago de Compostela sobre algúns dos tipos de relación máis intensos que establecen tanto a cidadanía residente como a visitante, así como sobre os impactos nas prácticas de ambas as comunidades da propia dinámica turística e das estratexias de xestión pública da mesma.

As dúas cuestións concretas que se traballaron durante o obradoiro foron as seguintes:


Estas dúas cuestións están á súa vez atravesadas por unha inquietude transversal: mentres a mobilidade rexional, nacional e internacional, motivada ou non polo lecer, é un fenómeno inxustamente asimétrico pero de escala global e cun impacto como poucos procesos na cidade contemporánea, unha das cuestións importantes á que non parece que se lle estea prestando suficiente atención (quizais pola cantidade de impactos negativos aos que hai que responder desde as políticas públicas e pola cegueira privada que impoñen os intereses económicos en xogo) é a pregunta por se é posible e onde se produce hoxe o encontro residentes-visitantes, o intercambio cultural con diferentes que sempre funcionou como mito aglutinador ao redor dunha idea democrática e emancipadora do turismo. A curiosidade e o optimismo ao redor desta relación impregna todas as ideas introducidas a continuación.



1.- A VIVENCIA COTIÁ DO PATRIMONIO POR PARTE DA CIDADANÍA RESIDENTE FRONTE AOS IMPACTOS DA INTENSIFICACIÓN TURÍSTICA



Desde a perspectiva veciñal, traballouse sobre os impactos que implican os fluxos turísticos na relación cotiá dos habitantes da cidade co patrimonio cultural urbano. Un impacto que se acaba expresando de múltiples maneiras, pero que polo xeral implica unha perda de accesibilidade derivada da masificación puntual ou continua dos espazos públicos; aínda que tamén pode derivar nunha certa conversión da veciñanza en parte integrante do espectáculo, unha cuestión que pode xerar unha certa incomodidade pola autopercepción como parte do "patrimonio" ou da "fauna" contemplada polos turistas, un caso comentado por persoas que se cruzan todos os días á mesma hora ou nalgún momento dos seus percorridos cotiáns co tren turístico que percorre a cidade.

A reacción popular ante estas novas condicións urbanas implica moitas veces o cambio nas prácticas cotiás que vehiculaban a relación co patrimonio da cidadanía residente, principalmente renunciado ao uso de determinados espazos:


O caso do desprazamento do xogo infantil é moi significativo neste sentido, resultando cada vez máis necesario poñer en contexto histórico a situación contemporánea. En 2018 publicouse unha fantástica fotografía antiga na que se pode ver a un grupo de rapaces tirándose polas escaleiras da praza da Quintana sobre unha prancha metálica, unha imaxe complementada polos recordos de xogar ao fútbol na praza, e mesmo de usar a Porta Santa como portería, que compartía na nova un dos seus protagonistas. Nos anos 70 e 80, as prazas ao redor da Catedral eran utilizadas como campo de xogo por multitude de nenos e nenas, sendo a praza da Quintana un espazo infantil estancial de primeira orde ata o punto de que se chegaban a xogar partidos de baloncesto das competicións locais en canchas marcadas no chan e con canastras portátiles.

Pouco máis de medio século despois desta situación de normalización lúdica absoluta do patrimonio urbano, hoxe o xogo infantil desapareceu por completo destas prazas. E aínda que unha parte da poboación entende este proceso como unha perda de calidade urbana, outra parte xa normalizou a nova situación ata o punto de que os nenos e adolescentes resultarían estraños aínda que as súas actividades non chegasen ao grao de intensidade das prácticas comentadas. Unha recente publicación en Twitter resulta significativa neste sentido, xa que comentaba o enfado do gaiteiro do Arco de Xelmírez cun neno que botaba un balón, unha anécdota que exemplifica perfectamente a priorización actual das actividades turísticas sobre o xogo infantil. Por suposto, para que haxa rapaces xogando na cidade histórica é condición necesaria que haxa rapaces vivindo, pero non é menos necesario que haxa espazos non dedicados principal e masivamente ao paso e á contemplación turística.

Unha das consecuencias destes procesos de desprazamento na cidade contemporánea é que hoxe é frecuente o recoñecemento de determinados espazos como lugares "para turistas". Unha condición que pode ser atribuíble tanto a actividades urbanas privadas (comercios, locais de hostalería, etc., moitos deles que unha vez non o foron e transformáronse e moitos outros que xa naceron con esa condición), como a espazos públicos (rúas, prazas e mesmo barrios) ou aos propios elementos patrimoniais, que pola súa condición nodal para os fluxos turísticos son os que teñen máis posibilidades de acabar adquirindo esa etiqueta*. No caso de Santiago de Compostela hai unha converxencia neste sentido, xa que non son só as grandes pezas como a Catedral e os seus arredores senón que todo o centro histórico é Patrimonio da Humanidade e cada vez é máis amplo o ámbito considerado por boa parte da poboación como unha zona "para turistas".

* Unha etiqueta ou condición que ten tamén unha lectura interesante desde a memoria, pois unha cuestión contemporánea moi significativa respecto á relación co patrimonio e o espazo urbano é que a profusión de "free tours" e todo tipo de paseos turísticos comentados fai que haxa unha parte da historia das cidades máis coñecida polas persoas visitantes que polas residentes na maioría dos casos.



Grupo de mozos xogando a lanzarse sobre un montículo de mochilas xunto á Catedral na praza do Obradoiro
Fotografía: Xoan A. Soler | La Voz de Galicia (01/08/2022)



Esta conceptualización do patrimonio como algo "para turistas" non é algo universal ou inevitable, xa que o grao de masificación ou as propias condicións de escala ou de funcionalidade de cada elemento fan variar substancialmente o impacto das dinámicas turísticas na súa percepción popular. Por exemplo, se se pensa nos outros dous casos galegos de elementos declarados como Patrimonio da Humanidade, si se pode dicir que se dá bastante esa situación coa Torre de Hércules na Coruña, unha peza urbana que moitos cidadáns só visitan na excursión escolar de rigor (aínda que a súa influencia urbana vaia moito máis alá da súa visita debido á gran percepción da iluminación nocturna do faro). Non sucede con todo coa Muralla Romana de Lugo, unha peza urbana que segue mantendo un uso local moi intenso grazas á súa funcionalidade como paseo onde aínda non se rompeu o equilibrio entre os usos turísticos e veciñais.

Por outra banda, a traxedia de deixar de vivir o patrimonio cultural urbano e determinados espazos da cidade pode estudarse tamén desde as consecuencias que este desprazamento da vida local implica noutras zonas da cidade. Aínda que para ter unha opinión máis fundamentada habería que estudar, por exemplo, se as rúas que de súpeto empezan a recibir os fluxos locais desprazados adquiren máis actividade grazas aos seus novos potenciais usuarios, o certo é que se se abandona por un momento a perspectiva das persoas residentes en tanto que vítimas do proceso de turistificación e enténdense como axentes que responden ante os seus impactos, non parece desatinado pensar que se estean creando novos lugares grazas a eses movementos tectónicos provocados pola intensificación turística.

Neste sentido, pode ser significativo o caso da festa das Fogueiras de San Xoán na Coruña. Declarada Festa de Interese Turístico Internacional en 2015, o seu proceso de turistificación xa empezara varios anos antes, chegando á situación de que o lugar central e masivo de celebración desde 1992, as praias urbanas de Riazor e do Orzán, comezan a ser identificadas un día ao ano como lugares "para turistas" por unha parte da poboación. Deixando por un momento de lado a reflexión sobre a pésima noticia de que se tenda a perder ese único momento do ano no que unha maioría de veciños de todos os barrios reuníanse nun mesmo lugar da cidade, o certo é que este proceso de desidentificación co lugar central da festa implicou igualmente unha maior importancia das fogueiras nos barrios, é dicir, unha recuperación do que xa sucedía previamente ao proceso de concentración da festa nas praias hai tres décadas. Así que a situación actual é que a festa mantén un lugar de encontro masivo, cun alto grao de turistificación pero que, por agora, aínda permite percibir a súa condición de lugar de encontro local, e ademais ten outras localizacións en moitos outros barrios da cidade cunha condición xa máis veciñal.

Desde esta perspectiva, ademais de identificar con máis precisión os cambios inducidos nas formas de relación veciñal co patrimonio previas á masificación turística do centro histórico de Santiago, durante o obradoiro traballouse especialmente sobre o fenómeno incipiente da conceptualización popular de determinados espazos urbanos como refuxios da dinámica turística, unha cuestión que se abordou a partir do caso do parque de Belvís, un gran espazo libre contiguo ao núcleo histórico e bordeado por dous dos camiños de peregrinación e entrada á cidade (o Camiño Francés polo norte e a Vía da Prata polo sur). Un espazo que foi transformado entre 1998 e 2008, pasando de ser unha zona de hortas privadas a acoller un dos grandes parques públicos da cidade (considerado "Parque Patrimonial / BIC" no Plan Director das zonas verdes e espazos públicos de Santiago de Compostela de 2015).

Un lugar que recibe múltiples usos maioritariamente veciñais, polo que é vivido e percibido popularmente como unha especie de refuxio dos usos turísticos que caracterizan ao centro histórico xunto ao que se sitúa, e que parece que mantivo ata o de agora esta condición principalmente local por contar cun réxime de visibilidade e un grao de accesibilidade moi limitados. Practicamente xa desde a súa creación xurdiu o debate sobre a necesidade ou non dunha maior apertura do parque á cidade, unha cuestión que hoxe é vista como unha ameaza para esa condición de refuxio por unha parte da cidadanía: a fraxilidade de moitos tipos de prácticas urbanas e espazos de socialización parece explicar a existencia deste debate sobre a apertura do parque a pesar de que a visibilidade e a accesibilidade son ideas hexemónicas na actualidade. De feito, desde a perspectiva municipal, non parece que estas cuestións merezan máis reflexión. Sen ir máis lonxe, en agosto deste ano presentábase a campaña "Compostela é moito máis. Descúbrea!" co obxectivo de descentralizar os fluxos turísticos* e cuxo material principal é un mapa dos lugares de interese turístico fóra do centro histórico, entre os que está o parque de Belvís.

* Esta estratexia de descentralización, que en principio parece razoable, é en realidade dependente do fluxo turístico á cidade: se decrece ou se mantén, será posible que axude a desconxestionar polo menos algunhas rúas do centro histórico, pero se o número de visitantes segue crecendo como o fixo no últimas tres décadas, tamén parece sensato pensar que o que fará será ampliar o ámbito de influencia das dinámicas turísticas que entran en conflito coa vida en Santiago.

O interese deste caso como obxecto de traballo no obradoiro compleméntase ademais coa súa relación cun espazo cultural en disputa, O Matadoiro, a antiga Casa da Xuventude e posteriormente centro sociocultural autoxestionado, pechado hai catro anos e cuxa demolición, apoiada polo Goberno municipal, permitiría abrir esa nova gran conexión do parque de Belvís coa cidade. A cuestión é que este edificio é tamén un espazo reclamado pola Asemblea Aberta do Matadoiro, unha organización popular vinculada á produción sociocultural local, para desenvolver un proxecto autoxestionado en colaboración co Concello. Significativamente, O Matadoiro é un edificio que no contexto arquitectónico do centro histórico de Santiago parece representar un papel case antipatrimonial (o formigón do século XX vs. a pedra medieval), unha cuestión que lonxe de ser menor, quizais explique unha parte da imaxinación popular que esperta*.

* Ademais da apertura dun novo acceso ao parque de Belvís, é necesario sinalar que adoita acompañar ás propostas de demolición do edificio e ás críticas que recibe desde hai décadas é o da súa suposta fealdade e discordancia coa contorna patrimonial no que se sitúa, un fenómeno seguramente relacionado coa forma de pensar a estética que tanto a Xunta de Galicia como a TVG ou os medios da Corporación Voz levan todo o século difundindo a través da idea do "feísmo".

A disputa por este edificio non é unha cuestión recente, senón un conflito urbano cunha década de percorrido. Trátase dun edificio proxectado en 1984, que conta cuns 1.600 m² de superficie e que funcionou como a Casa da Xuventude ata 2015. En 2014 o Concello decide a súa derriba co voto a favor tanto do Goberno (PP) como da oposición (PSOE e BNG). En novembro de 2014 constitúese a plataforma cidadá Defender o público - A Casa da Xuventude é nosa*, que consegue paralizar xudicialmente unha demolición do edificio que en marzo de 2015 xa estaba adxudicada. En xullo de 2015, o novo Goberno local (CA) paraliza o procedemento para a derriba do edificio e pouco despois promove un proceso experimental de mediación cultural que, coordinado por David Rodríguez e Natalia Veiga e coa denominación de Matadoiro Compostela, traballa entre xuño e novembro de 2016 co obxectivo de que o espazo pase a ser autoxestionado pola cidadanía. Tras este proceso, o Concello (CA) cede o uso do edificio á Asemblea de Autoxestión do Matadoiro, unha organización popular que posibilita a súa utilización para múltiples actividades socioculturais, denominándose Casa do Matadoiro entre 2017 e 2021. En abril de 2021, o Concello (PSOE) cambia a fechadura do edificio deixando sen acceso aos colectivos que o viñan utilizando** e dando comezo á situación de abandono ata a actualidade. En abril de 2023, o novo Goberno local (BNG) presentaba o seu proxecto para o espazo (sen o apoio de CA, o seu socio de goberno): a demolición do edificio para crear unha praza cuberta e un gran acceso ao parque de Belvís.

* Entre as múltiples accións para salvar o edificio que levou a cabo a plataforma "Defender o público - A Casa da Xuventude é nosa" tamén se inclúe unha colaboración coa Delegación de Santiago do COAG na que organizaron unha convocatoria de ideas para mellorar a conexión da praza do Matadoiro e o parque de Belvís sen demoler o edificio e mantendo o seu uso sociocultural.

** O rexeitamento e a falta de recoñecemento da maioría dos poderes públicos ás iniciativas de autoxestión popular do patrimonio común quedou reflectido en episodios como o cambio da fechadura en 2021, pero sobre todo na infame campaña mediática contra o proceso desenvolvido entre 2016 e 2021 e contra algunhas das persoas participantes, principalmente por parte do medio local El Correo Gallego.

Durante o obradoiro acompañáronnos algunhas das persoas que participan actualmente na Asemblea Aberta do Matadoiro, coas que puidemos dialogar sobre sobre a condición patrimonial desta peza urbana e sobre o papel da mesma, do seu proxecto sociocultural e do parque de Belvís no contexto do debate actual sobre o impacto do turismo na cidade. Neste sentido, é preciso remarcar que o interese por esa condición de "refuxio turístico" do parque de Belvís non se entende como un obxectivo ou unha chamada para reforzar unha idea concreta de peche, senón a entender a súa realidade social como a consecuencia dunha diferenza formal e urbana coa que se pode traballar e que se pode valorar como parte da riqueza e a diversidade da cidade.



2.- A VIVENCIA DOMÉSTICA DO PATRIMONIO POR PARTE DA CIDADANÍA VISITANTE FRONTE ÁS FORMAS DE CONTROL URBANO



Sen ben o argumento do "todes somos turistas" é insostible e resoa máis ben coas ideas expresadas polos condutores cando queren facer crer que os seus intereses son os mesmos que os da cidadanía en xeral (segundo o INE, un terzo da poboación española non pode irse de casa de vacacións nin unha semana ao ano por motivos económicos), tampouco parece razoable non aceptar que, como di Jorge Dioni, "el turismo es una práctica democrática". E aínda que sexa dunha idea concreta de democracia, imperfecta e moi mellorable no seu estado actual, iso non permite negar a relación entre a mobilidade masiva (turística e non turística) e o desenvolvemento de certos aspectos da idea de liberdade e democracia. É dicir, aínda que haxa que repensar todo o sistema turístico en termos ambientais, urbanos, económicos, culturais etc., polo menos para enfrontarse aos dous grandes retos actuais que formula (o impacto da mobilidade masiva na crise climática e o impacto do turismo masivo na vida nas cidades), é moi difícil pensar nun mundo desexable no que non exista a posibilidade dunha mobilidade universal (para todas as persoas) e global (en todos os lugares).

Se hai un concepto especialmente negativo de entre os múltiples que conseguiu introducir nas axendas políticas a industria turística é o do "turismo de calidade": unha idea que basicamente vén dicir que hai cidadáns de máis e menos calidade e que non parece ter ningún bo percorrido sabendo en que terminan todos os camiños que empezan diferenciando ás persoas neses termos. Desde esa perspectiva, os turistas son persoas sobre as que hai unha presunción de gasto e, se esta non se cumpre, non poden ser considerades "de calidade". Unha lóxica absurda que, ante a afronta do modelo que fai que o turismo esprema e capitalice ao territorio e aos seus habitantes, responde tentando que sexa o territorio e os seus habitantes os que espreman e capitalicen tamén ao cidadán-turista. Un círculo sen saída que en realidade é coherente co feito de que as zonas máis dependentes da industria turística sexan igualmente as máis pobres, pois o emprego e os soldos precarios que xera tradúcense ademais na detracción de recursos e persoas doutras actividades máis produtivas e escalables en termos capitalistas, polo que non se pode competir como sector máis que empeorando as condicións dos traballadores, aumentando a masificación ou convertendo ás persoas en turistas "de calidade", o que non pode ser outra cousa que que gasten máis diñeiro.

En realidade, a idea da tematización urbana está relacionada co control* e coa primacía de ideas como a do turismo de calidade: o parque temático urbano non é un lugar habitado por cidadáns, senón por axentes que veñen, ven, consomen e vanse. Todas estas cuestións parecen estar determinadas pola conceptualización dun status diferencial para os turistas que convida a entendelos como algo alleo á idea de cidadanía: como unha abstracción do diñeiro andante ou como unha imaxe virtual tipo Sims controlada por un operador de turismo ou pola Xunta de Galicia. Coa crise climática como fondo mediador de toda idea de futuro humano, mentres sexa política e tecnoloxicamente posible parece que o turismo seguirá sendo unha realidade global. É neste contexto no que parece importante empezar a entender o turismo como unha forma ou un tempo de vida contemporánea sen máis, afrontando decididamente os impactos materiais locais e globais da industria turística sen deixar de recoñecer en ningún momento a condición de cidadáns dos turistas.

* De feito, en termos de control o centro histórico de Santiago leva anos achegándose a esa condición de escenario mediante a instalación de todo tipo de cámaras de videovixilancia, tanto públicas como privadas, que fai que moi poucos dos posibles percorridos non estean controlados por algún tipo de dispositivo.

Unha das estratexias de control turístico que se comezan a imaxinar e implementar, por agora en forma de recomendacións en códigos de boas prácticas (aínda que podería ter perfectamente unha vontade futura de carácter normativo) é a idea do dereito á "calidade visual" do patrimonio, un concepto moi problemático que entende ao patrimonio urbano como unha realidade en conflito con actividades humanas ordinarias como comer ou durmir.



Grupo de persoas durmindo xunto á Catedral na praza da Inmaculada
Fotografía: Autoría descoñecida (28/07/2023, 08:10 h) | La Voz de Galicia (28/07/2023)



O estado actual desta cuestión pódese exemplificar con dous casos recentes nos que se denunciou mediáticamente a grupos de persoas identificadas como turistas por durmir á intemperie na contorna catedralicia. Por unha banda, unha fotografía publicada por La Voz de Galicia a finais de xullo de 2023 na que se observa a un grupo de peregrines que pasaron unha noite á intemperie (en sacos de durmir sobre o chan) xunto á Catedral na praza da Inmaculada. Unha imaxe, tomada ás 08:10 da mañá, que foi compartida nas redes sociais por moitas persoas, mesmo por perfís importantes como El Barroquista, criticando o que consideraban unha actividade incívica, un abuso e un ataque en toda regra ao patrimonio que danaba a imaxe da contorna catedralicia de Santiago de Compostela.

Por outra banda, un ano despois desta foto-denuncia, os medios volven difundir outro documento gráfico na mesma liña, esta vez un vídeo realizado e difundido orixinalmente na conta de Instagram compostelaresiste por un veciño da cidade que se grava mentres increpa a unhas persoas que estaban a durmir, tamén á intemperie e en sacos de durmir, nas escaleiras da praza das Praterías. Un paso significativo non só pola acción en concreto, senón polas decenas de comentarios que suscitou nas redes sociais denigrando a estas persoas, apoiando a acción do denunciante e pedindo máis medidas punitivas e de control, sempre en nome da condición de Patrimonio da Humanidade de Santiago: "Mi ciudad no es un circo" repite varias veces o denunciante. Aínda que moitos dos comentarios eran de perfís conservadores ou ultradereitistas, o debate está tan escorado que un perfil definido como "republicano, feminista y siempre antifascista" acababa o seu comentario sobre o vídeo cun directo "Ascazo de gentuza" en referencia aos catro portugueses durmindo.

Tres días despois da publicación da primeira imaxe en 2023 o Concello presentaba unha campaña de turismo sostible onde se destacaba o concepto "Santiago de Compostela, Patrimonio da Humanidade", a palabra "Fráxil" e o lema "Tes o dereito a gozar del e a obriga de coidalo". Como parte da campaña introducíase un código de boas prácticas entre as que estaba o punto "Calidade visual", un concepto que quedaba resumido coa frase "A paisaxe urbana que te rodea ten un valor excepcional: non é unha área de pícnic nin unha zona de acampada".

É moi significativo sobre o enfoque do asunto que neste tipo de noticias-denuncia e de campañas municipais fálese de durmir e comer, cuestións humanas básicas, como "pícnics" e "acampadas". As próximas accións do Concello permitirán avaliar se estes conceptos son un simple eufemismo para referirse a comer e durmir en xeral ou se se refiren a unha forma concreta na que se poden materializar ambas as actividades. É dicir, se se tenta avanzar cara a unha prohibición total destas actividades humanas elementais, identificadas como incívicas, ou se se tenta propoñer unha diferenciación entre actividades propias do espazo público e outras que entren en conflito coa súa esencia ou con outras normativas, como a diferenza entre durmir á intemperie cun saco ou unha manta e durmir nunha tenda de campaña, ou como entre preparar unha comida quente con aparellos de cociña portátiles e comer na rúa calquera cousa.

Por suposto, tampouco parece estraño que xurda esta pulsión polos dereitos visuais nun momento onde a mirada e as estéticas contemporáneas xóganlla en campos como Instagram, un espazo onde quizais o bocadillo de mortadela ou o saco de durmir como fondo teñen un difícil acomodo. E ademais non son só unha afronta en termos estéticos, senón que a súa denuncia tamén é acorde co momento de auxe das formulacións políticas baseadas no concepto "lei e orde", unha idea que adoita remitir aos autoritarismos que se reproducen por boa parte do mundo na actualidade, pero que mediada por un proceso sistemático de máis de dúas décadas de conformación da opinión pública galega contra o denominado "feísmo" por parte do Goberno autonómico e o principal grupo mediático ao que subvenciona (a Corporación Voz), fai que todos os partidos políticos poidan dar por boa unha idea destas características sen problema.

Ademais, a crítica ás prácticas populares como comer e durmir xunto ao patrimonio sempre vai contar co apoio, como mínimo, do sector hoteleiro e hostaleiro. Por suposto que o número de persoas que dormen nas rúas de Santiago podendo economicamente non facelo é ridículo e non ten ningún impacto na conta de resultados dos aloxamentos turísticos, pero a súa coincidencia coas queixas habituais do sector relativas a que a xente "visita" Santiago pero non fai "turismo" porque non quedan a durmir, fai máis percibible o seu impacto e axuda a conformar a opinión pública sobre o asunto.

En calquera caso, as ideas que convocan estás imaxes do patrimonio vivido son moito máis interesantes e urbanas que as que suxiren as súas críticas. E desde este punto de vista, a importancia de que a historia sexa presente a través da vivencia do patrimonio contradise co avance cara á consolidación dese suposto dereito á "calidade visual" nas cidades, sempre fronte a outras actividades populares consideradas menores en comparación á observación inmaculada do patrimonio: un camiño inxenuo no cultural, irracional no urbanístico e perigoso no político.

Así pois, desde a perspectiva da cidadanía visitante ou turista, no obradoiro cuestionouse ese concepto de "calidade visual" que se empeza a introducir nas guías e recomendacións de protección patrimonial, unha ferramenta de control que parte de conceptualización como problemáticos e ilexítimos dos corpos turistas cando se comportan como simples humanos que comen, xogan ou dormen facendo uso do espazo urbano. A través destes dous casos e da identificación de todos os usos concretos asimilables a eles, traballouse sobre as domesticidades turísticas que territorializan o patrimonio cultural nas cidades e que, como case sempre nos casos de conflitos urbanos deste tipo, implican prácticas autónomas non vehiculizadas a través da intervención do Estado ou do mercado. Un conxunto de usos aos que, como mínimo, parece imposible non recoñecerlles unha conexión co patrimonio máis intensa e que se sitúa noutra esfera que a da visita guiada e as fotos de rigor.

Outra perspectiva desde a que contextualizar estas actividades urbanas cuestionadas é a das asimetrías entre a cidadanía residente e visitante. Por unha banda, en relación ao patrimonio e ao seu goce, os turistas están caracterizades por ser cidadáns con tempo libre e ganas de coñecer e visitar lugares, condicións que a vida laboral ordinaria tende a eliminar ou a diminuír de forma moi sensible.

Por outra banda, e en termos máis directamente relacionados co caso de estudo, os turistas están sempre, pola súa condición de clientes de servizos de vacacións e por tanto dispostos a gastar máis que na súa vida cotiá, nunha posición de poder económico con respecto aos residentes (xa sexa desde a perspectiva dos traballadores ou dos veciños en xeral), aínda que esta posición poida ser moitas veces só temporal e conxuntural ao tempo turístico. Ademais da lectura que suxire desde os impactos materiais do turismo nas cidades (principalmente en termos de acceso á vivenda e de distribución dos usos urbanos), esta cuestión ten tamén unha lectura moi significativa desde o tipo de prácticas sociais que empezan a ser cuestionadas.

Así, se en termos económicos é clave esa asimetría na capacidade de gasto (os prezos soben nas zonas turistificadas porque se trata ás persoas como cidadáns que poden ou se permiten gastar máis e non como veciños), é importante pensar nos momentos e espazos turísticos onde non se produce esa condición conxuntural e involuntaria de poder de uns cidadáns sobre outros. E é precisamente no tipo de prácticas sinaladas nas que polo menos esa diferenza transcendental no poder adquisitivo se difumina: no momento para comer, xogar, estar ou durmir no espazo urbano, os turistas son iguais á cidadanía residente. É dicir, mentres se clama por converter a estas persoas en turistas "de calidade", é precisamente todo o contrario, as actividades turísticas "de mochila" ou "de bocadillo", o que permite imaxinar a posibilidade dunha simetría conceptualmente similar no resto de usos urbanos nos que o turismo está a xerar un conflito en termos económicos.

Neste sentido, a resposta á clásica pregunta sobre que pasaría se todo o mundo decidísemos comer ou durmir na rúa parece sinxela: non pasaría nada estraño, adaptariamos a cidade para que nos permitise facer o que queiramos facer as persoas en cada momento histórico. E se o que nos gusta é comer, xogar e durmir na rúa, é difícil de crer que non puidésemos inventar a maneira de adaptar a cidade ás nosas novas formas de vida. Neste sentido e para o caso concreto dos grupos de turistas que comen na praza do Obradoiro, parece que a única maneira contemporánea de enfocar un asunto así sería pensar que se tanta xente decide comer no chan da praza é que se trata dunha experiencia socialmente desexable, polo que a primeira política pública que debería poñerse en marcha non é desde logo a de tentar eliminar esta práctica popular, senón a de garantir a súa accesibilidade facendo que esta experiencia poida ser tamén vivida polas persoas que por cuestións de mobilidade ou calquera outra razón non poidan ou non desexen comer no chan. Que problema habería en deseñar e instalar o mobiliario urbano necesario (mesas e bancos móbiles) para que existise esta posibilidade nun espazo dun 6.000 m²?

E é que, ademais, nunha volta de torca que non parece tampouco inverosímil, é posible que a cidadanía residente empezase a reservar sitio nesas mesas á primeira hora para facer comidas colectivas na praza e comezásese así a renovar a súa vivencia cotiá do punto cero da masificación turística. Como comentou Xurxo Insua tras o obradoiro, este tipo de usos son tamén moi significativos desde o punto de vista discursivo, xa que se en relación ao turismo é hexemónica a idea do goce individual, son estas prácticas asociadas ao turismo masivo as que representan a maioría das ideas identificables co goce colectivo.



Imaxe da exposición "Heritagers"
Comisario: Fernando Agrasar | Equipo: Laura del Monte, Beatriz Ascanio, Aldara García e Cecilia Martínez
Delegación da Coruña do COAG (15/12/2023 - 19/02/2024)



Un último caso a comentar. En decembro de 2023 inaugurábase na Delegación da Coruña do COAG a exposición "Heritagers", comisariada polo arquitecto e profesor Fernando Agrasar e formulada como "unha reflexión sobre o patrimonio arquitectónico e o turismo, sobre a progresiva banalización do patrimonio construído e a súa transformación en ben de consumo", un debate que se expuña a través dunha serie de dez composicións fotográficas nas que se retrataban diferentes actividades consideradas daniñas ou incívicas realizadas en lugares e elementos patrimoniais: desde facerse un selfie agarrándose a unha escultura, ata bañarse nunha fonte, pintar un grafiti ou colocar unha lona publicitaria de Idealista sobre unha fachada. Nunha das imaxes da exposición podíase observar a unha parella comendo e fumando mentres están sentades nunhas escaleiras "patrimoniais" (aínda que as imaxes teñen unha vontade xenérica, foron realizadas no Pazo de Mariñán e na sede da Real Academia Galega de Belas Artes). Ademais de non estar sentades de calquera xeito, senón apoiada nun muro ela e semitumbado nas escaleiras el, nos chanzos están apoiadas varias bolsas de snacks, unha botella de refresco de dous litros, a bolsa xenérica coa que terán traído todo, o chisqueiro e a bolsa de filtros do tabaco de lear e varias patacas fritas tiradas. Aínda que quizais chegase cos cigarros, o tipo de comida e a actitude das súas posturas e miradas, a vestimenta elixida para ambas as persoas tampouco deixa lugar a dúbidas: non se está vendo aos veciños dun bo barrio.

Quizais esta imaxe resúmao todo: sexa como sexa, tanto se é a primeira vez que están aí (en principio a exposición fala do turismo) coma se paran aí a miúdo, o que se está observando é unha relación non turística co patrimonio: dúas persoas que, todo o contrario a consumir (como quere denunciar a exposición), están a vivir o patrimonio. Por iso queremos sabelo todo da parella que come e fuma e da súa relación con esa arquitectura (veñen de lonxe ou é unha excursión desde a periferia ao centro da cidade? por que elixiron sentar xusto aí, polas súas condicións concretas ou porque non había máis sitios para sentar nos arredores? e se non son turistas? é o seu lugar como parella ou paran aquí con máis amigos? son traballadores da casa descansando ou os fillos dos donos do Pazo escondéndose?). Non hai ningún futuro desexable, tampouco para o patrimonio, sen a posibilidade de contemplar e a sensibilidade para apreciar un acontecemento tan ordinario e sublime como este.



▲






PRESENTACIÓN INICIAL



Aínda que o desenvolvemento do obradoiro non quedou documentado, compártense as imaxes da presentación inicial realizada na Escola Unitaria. Trátase dunha recompilación moi básica que nin sequera abarca todos os temas introducidos nas notas compartidas anteriormente, polo que esta condición inacabada e o enorme interese e actualidade do debate sobre o turismo en Santiago de Compostela fan que esteamos a desexar ter outras oportunidades para continuar este traballo proximamente.






Visualización (SlideShare)   |   Descarga en PDF (168 MB)




▲






OUTROS MATERIAIS



Por último, compártese a ligazón a un artigo fantástico escrito por Brais Estévez (xeógrafo e investigador na USC, ademais de compañeiro e amigo) e publicado uns días despois da súa participación no obradoiro como membro da Asemblea Aberta do Matadoiro:


Habitar o desencontro: Patrimonio e turismo –ou circo, goce e extimidade– en Santiago de Compostela  |  Praza.gal  |  04/10/2024


Trátase dun artigo onde profundiza en moitos dos aspectos hoxe interpretados como problemáticos nas relacións turismo-patrimonio e residentes-visitantes desde un coñecemento teórico e da cidade (onde reside na actualidade) moi amplo, polo que é un pracer que o obradoiro servira para animalo a estruturar as súas ideas e continuar o pensamento colectivo sobre un tema do máximo interese contemporáneo, tanto para o caso concreto de Santiago de Compostela como a nivel global.



▲






CRÉDITOS



PROXECTO

Ergosfera (Partidarios da Cidade Sociedade Cooperativa Galega)


COLABORACIÓN

Asemblea Aberta do Matadoiro + Escola Unitaria


ENCARGO + FINANCIAMENTO

Programa Cultura e Cidadanía / Subdirección Xeral de Cooperación Cultural coas Comunidades Autónomas - Ministerio de Cultura - Goberno de España


AGRADECEMENTOS

- A Xiana Iglesias, Fran Quiroga, Brais Estévez, Ruth Varela, Andrés Cruz, Eduardo Cruz, Manuel Cuervo e Xurxo Insua, polas conversacións mantidas estes últimos meses sobre a vida urbana e os impactos do turismo en Santiago de Compostela.

- A todas as persoas participantes no curso de verán Xeografías raras: reimaxinar os territorios urbanos nun planeta alterado (USC, 8-12 de xullo de 2024), por dar lugar aos interesantes debates sobre o turismo no caso concreto de Santiago de Compostela que permitiron imaxinar este proxecto.

- A Brais Estévez, Clara Torréns e David García da Asemblea Aberta do Matadoiro, por colaborar no obradoiro contándonos o proceso que están desenvolvendo para reencantar o edificio do Matadoiro e polas súas reflexións respecto ao seu papel no debate actual sobre o turismo na cidade.

- A Fernando Lema e Gonzalo Suárez da Escola Unitaria, por acollernos no seu marabilloso espazo.

- A todas as persoas asistentes ao obradoiro, varias máis das inscritas inicialmente, pola súa participación e comentarios durante o seu desenvolvemento.

- A Beatriz Noya, pola súa xenerosidade ao enviarnos un correo sobre a súa experiencia e varios documentos gráficos sobre o tema de estudo a pesar de non poder asistir finalmente ao obradoiro.

- A todo o persoal do programa Cultura e Cidadanía, pola invitación para realizar o obradoiro, pola súa amabilidade e xenerosidade en todo o referente ao seu desenvolvemento e pola organización dun encontro que foi fantástico a moitos niveis.


LICENZA

Toda a documentación producida como parte deste proxecto pódese utilizar e transformar libremente e para calquera fin baixo unha licenza Creative Commons Atribución - Compartir igual 4.0 Internacional (CC BY-SA 4.0).


WEB

Esta páxina web, realizada por Ergosfera, foi publicada o 28 de agosto de 2024 e a súa última actualización realizouse o 9 de outubro de 2024.



▲





O patrimonio vivido: cotiandade e domesticidade nos tiempos do turismo masivo   |   Ergosfera