Traballos previos e relacionados
Recompilación doutros proxectos desenvolvidos nos últimos anos por Ergosfera e que están relacionados de diferentes maneiras coa cuestión das persoas maiores e as súas prácticas urbanas:
- Como se comenta na introdución, este estudo xurdiu como continuación do proxecto As residencias de maiores na área urbana da Coruña (2020-2021), xa que unha das partes dese traballo consistiu en buscar referencias de prácticas autónomas ou informais das persoas maiores a través das cales pensar a pertinencia das arquitecturas e urbanismos que definen ás residencias na actualidade, tanto en termos de materialidade como de espazos interiores, relación co exterior, situación urbana ou servizos dispoñibles nas inmediacións.
- Por mor deste traballo sobre as residencias, tivemos a oportunidade de colaborar con Canicca no diagnóstico territorial desde a perspectiva do envellecemento de dúas comarcas de Estremadura cos proxectos Ser mayor en Tajo Salor (2020-2021) e Ser mayor en Sierra de San Pedro (2021-2022). Entre outros materiais, neste traballo realizáronse cartografías de todos os núcleos das dúas comarcas para identificar os equipamentos específicos relacionados coas persoas maiores (residencias, centros de día, parques biosaudables, locais sociais de pensionistas ou xubilados, etc.). Neste sentido, unha das cuestións que se estudaron foi a situación de todos os lugares para sentar existentes nos seus espazos públicos, entendendo que os bancos e outros elementos son a unidade mínima de coidado e un aspecto esencial da calidade e accesibilidade urbana, xa que son fundamentais para o uso do espazo público que fan as persoas maiores e outros colectivos con mobilidades reducidas: como espazos de estancia e reunión cotiá en rúas, prazas e xardíns, pero tamén como lugares de descanso necesarios en calquera desprazamento funcional ou paseo de lecer. Neste fío de Twitter introdúcese esta cuestión dos lugares para sentar, un tema no que tamén se lle prestou moita atención aos elementos particulares (como os bancos na entrada das casas) e ao resto de lugares onde senta a xente de forma habitual aínda que non estean especificamente deseñados para iso (muretes, alféizares, etc.).
- Outro dos traballos nos que se exploraron indirectamente os usos urbanos deste colectivo é o proxecto Dentro pero fóra da cidade: o oleoduto da Coruña (2009-act.), xa que unha boa parte dos usos informais identificados neste gran espazo infraestrutural que atravesa a cidade, descritos no artigo "O oleoduto da Coruña: un espazo urbano do presente" (2022), están protagonizados por persoas maiores, sendo ademais aqueles casos que representan un maior grao de territorialización deste ámbito urbano tan singular. Tanto o caso de Lolo cos seus distintos tipos de pendellos e as súas ovellas e galiñas vivindo sobre o oleoduto en San Cristovo, como o de Fe Guadalupe ca súa gran gatera autoconstruída entre o oleoduto e a vía do tren en Casabranca, ou o do grupo de xubilados de Monte das Moas que autoconstruíron un pequeno espazo estancial cuberto (de forma e tamaño significativamente parecido a unha marquesiña de autobús), reflicten unha conexión coa realidade material da cidade e do mundo extraordinariamente significativa.
- Ademais, outro dos traballos que nos está permitindo ter un gran contacto coa vida urbana das persoas maiores é o proxecto Lo urbano y lo urbanístico, por Benidorm (2012-act.), xa que se trata dunha das cidades onde se comezou a implementar o programa de viaxes do Imserso e cuxa poboación flotante (mal chamada turista na maioría dos casos) está composta en determinados períodos do ano por unha importante porcentaxe de persoas maiores. Así, aínda que na súa vertente de estudo cultural este traballo tivo nun principio a intención de desvelar todos os elementos que contradin a visión de Benidorm como reduto para o turismo da terceira idade, en realidade esta é unha condición complementaria a moitas outras que se superpoñen na cidade, polo que o desenvolvemento deste proxecto está a ser unha oportunidade fantástica para observar as prácticas urbanas deste colectivo, quizais nun formato no que o autónomo e o informal son condicións máis matizadas ou difíciles de identificar pola enorme vitalidade urbana deste territorio derivada da predominancia do tempo de lecer na vivencia dos seus espazos públicos.
- Por último, é necesario sinalar que a primeira vez que tomamos consciencia da capacidade das persoas maiores para formular disidencias urbanas foi nos comezos do proxecto Eu si quero feísmo na miña paisaxe! (2011-act.), xa que a primeira visita de campo deste traballo foi a Villa Somier (Covas, Viveiro), un pequeno espazo autoconstruído principalmente con somieres e ideado e desenvolvido durante máis dunha década por María José, a señora propietaria da parcela na que se situaba, coa axuda de familiares e veciños. Ao ser entrevistada, esta muller transmitía unha visión da autoxestión colectiva do proceso construtivo e das formas de vivencia do territorio dunha enorme radicalidade en comparación ás ideas xa moito máis consensuais e conservadoras que expresaba a súa filla. Neste sentido, unha boa parte dos elementos arquitectónicos e urbanos que estudamos e valoramos a través deste proxecto son produtos de mentalidades consideradas como vinculadas ás persoas que hoxe xa están na terceira e na cuarta idade. Con todo, no momento do seu desenvolvemento isto non era así na maioría dos casos, por iso é significativa a impresión xeral sobre que as novas xeracións xa teñen outros referentes simbólicos, formais e materiais moito máis apegados á idea de orde no relativo á urbanidade desexable. Unha realidade que, por outra banda, o máis probable é que no futuro sexa vista igualmente como unha otredade cando estas xeracións comecen a ser consideradas persoas maiores. Este tipo de procesos vinculados á relación etaria coa orde, e por tanto coas prácticas autónomas ou informais obxecto deste proxecto, desvelan a necesidade de reflexionar sobre se o que estamos a estudar son prácticas propias dunha determinada xeración de persoas maiores ou da vellez en xeral.
Última actualización desta páxina (Versión): 21/03/2024 (V.01)
|