Unha cuberta urbana, moito máis e nada menos

Ergosfera, marzo de 2026






Unha cuberta urbana, moito máis e nada menos é o título da nosa contribución a Carrete 36, un proxecto editorial pensado desde a fotografía (por Damián Ucieda, Misha Bies Golas e David Silva) no que se convida a unha persoa a facer un exercicio desde o formato estándar dun carrete de 35 mm con 36 exposicións en branco e negro, editando posteriormente o resultado nunha publicación que reproduce esas 36 fotografías, respectando o modo en que foron expostas e a orde de disparado.

O fanzine editado foi presentado o pasado 11 de marzo na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, como parte da programación paralela da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico 2026, e xunto a outros tres exemplares desta nova etapa do proxecto Carrete 36 (realizados por Florencia Rojas, Ian Waelder e Javier Fernández Pérez de Lis e Carme Nogueira).

A publicación en papel pódese conseguir na libraría Numax e na tenda El Muelle 1931 en Santiago de Compostela, así como desde a páxina web de Carrete 36, onde tamén se poden ver e descargar as fotografías dos 14 fanzines publicados ata o momento. Custan 6 € e coa súa venda se financia a publicación dos seguintes.

Compártense a continuación o texto introdutorio e as fotografías que conforman a nosa publicación:



Unha cuberta urbana, moito máis e nada menos



Este exercicio fotográfico tomouse como unha oportunidade para continuar co estudo das estacións de servizo, unha peza urbana global e xenérica que hoxe se materializa como complexos de moi diversa escala (compostos por gasolineiras, instalacións de lavado, tendas de conveniencia, locais de hostalaría, áreas de aparcadoiro, buzóns de paquetería, etc.), pero sempre como unha extensión do espazo público na que, estea ou non en funcionamento, as persoas poden entrar libremente aínda que se trate dun solo privado.

Se nun traballo anterior (Magia posmoderna en Carabanchel. Comunidades subalternizadas, periferias urbanas y espacios globales, 2023) estudáronse as estacións de servizo desde a perspectiva da multitude de usos formais e informais que son capaces de acoller na actualidade, esta pequena mostra fotográfica está centrada na cuestión espacial, concretamente, en intentar capturar a vontade recibidora, acolledora e protectora dos espazos que xeran as maxestuosas cubertas das gasolineiras. Unha arquitectura xenérica que crea unha condición urbana moi singular, xa que, salvo os espazos baixo pontes e viadutos, ningunha outra tipoloxía formaliza unha espacialidade cuberta de acceso público desta escala e distribuída por todo tipo de localizacións, tecidos urbanos e enclaves metropolitanos e territoriais.

Máis de seis décadas despois do traballo de Ed Ruscha (Twentysix Gasoline Stations, 1962), as gasolineiras seguen a ter un enorme interese como pezas urbanas contemporáneas, mais tamén poden ser entendidas como unha potencialidade latente no territorio, como un regalo aínda non aberto do século XX e da cultura do automóbil. Tres décadas despois do intento fracasado de reformulación tipolóxica de Norman Foster para Repsol (no que a condición tecnoescultórica das cubertas fragmentadas primaba sobre a espacialidade do modelo xenérico), cada vez hai máis casos de recuperación de antigas gasolineiras para outros usos. Porén, neste contexto de transformación dos modelos de mobilidade e para axudar a que non sexa só o capital quen decida o futuro posfósil dunha arquitectura urbana desta calidade, son precisas máis representacións e recoñecementos desde a arte e a cultura arquitectónica, urbanística ou xeográfica.

Todas as fotografías foron tomadas entre o 23 e o 27 de febreiro de 2026 en estacións de servizo da Coruña e a súa área metropolitana: dúas imaxes de cada gasolineira nas que o esforzo compositivo centrouse en retratar os seus espazos cubertos e intentar que saíran o menor número posible de vehículos, co obxectivo de facilitar, tanto a imaxinación doutros usos e futuros para estas arquitecturas, como o desexo de inclusión deste tipo de espazos noutros programas urbanos. As fotografías foron realizadas cunha cámara Contax G1 (prestada por Damián Ucieda, xa que non se dispoñía de cámara analóxica) en modo totalmente automático (debido á falta de coñecementos de fotografía, de aí a cuestionable calidade das mesmas).

Os avances deste estudo e do resto de proxectos de Ergosfera pódense consultar na páxina web: www.ergosfera.org.



Estación de servizo Repsol na avenida da Vedra ou de Alfonso Molina (A Coruña) | 23-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida da Vedra ou de Alfonso Molina (San Vicenzo de Elviña, A Coruña) | 23-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida do Exército (A Coruña) | 23-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida Salvador de Madariaga (A Coruña) | 23-02-2026

Estación de servizo Petrocash na avenida de Fisterra (A Coruña) | 24-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida de Fisterra (A Coruña) | 24-02-2026

Estación de servizo Carbugal na avenida de Enrique Salgado Torres (A Coruña) | 25-02-2026

Estación de servizo Plenergy na rúa Severo Ochoa (A Coruña) | 25-02-2026

Estación de servizo SBC na rúa Severo Ochoa (A Coruña) | 25-02-2026

Estación de servizo Petroprix na rúa Polígono (O Temple, Cambre) | 25-02-2026

Estación de servizo Eni na autoestrada AP-9 (O Burgo, Culleredo) | 25-02-2026

Estación de servizo Cepsa na rúa Zeus (O Seixo, Oleiros) | 25-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida da Pasaxe (A Coruña) | 26-02-2026

Estacións de servizo Carbugal e Repsol na travesía de Meicende (Arteixo) | 26-02-2026

Estación de servizo Cepsa na avenida do Porto (A Coruña) | 26-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida de Enrique Salgado Torres (A Coruña) | 27-02-2026

Estación de servizo Repsol na avenida García Sabell (A Coruña) | 27-02-2026

Estación de servizo Galp na avenida de Acea de Ama (Culleredo) | 27-02-2026






É preciso resaltar o noso agradecemento ao equipo de Carrete 36 e especialmente a Damián Ucieda por ternos invitado a participar neste proxecto, por prestarnos a cámara, por revelar as fotografías e por editar unha publicación tan sinxela e cuidada. Son moitos os proxectos de Ergosfera que, como este sobre as estacións de servizo, só conseguimos avanzar de xeito moi intermitente cando xorden este tipo de oportunidades, e xa se é un proxecto do que se poden ver e compartir os resultados tan rapidamente, é un auténtico gusto traballar e non podemos máis que agradecelo.