Introdución
As actividades urbanas á marxe das lóxicas do Estado e do mercado non son unha cuestión vinculada exclusivamente á xuventude, a precariedade ou o posicionamento político antisistema, senón fugas que atravesan ás sociedades e que cada colectivo xeracional, cultural ou de clase pode interpretar e desenvolver á súa maneira.
A partir da análise dunha serie de casos moi populares e xeneralizados, así como doutros máis singulares pero igualmente significativos, este proxecto de investigación ten como obxectivo o estudo das prácticas urbanas autónomas ou informais das persoas maiores, atendendo ás súas formas de materializarse, aos debates e conceptos cos que dialogan e aos seus impactos na riqueza da vida urbana contemporánea.
Os casos que se comezaron a analizar e que foron introducidos nas presentacións do proxecto realizadas en 2021 e 2022 son os seguintes:
- Cinco prácticas xeneralizadas: os principais casos de estudo do proxecto pola súa popularidade e presenza en múltiples tipos de contextos urbanos, temporais e/o culturais.
- Sentar na entrada de casa
- Reunirse na marquesiña do bus
- Mirar obras
- Alimentar e coidar animais liminares
- Cultivar hortas
- Tres prácticas singulares: casos máis excepcionais, aínda que tamén presentes en diferentes contextos, que permiten visualizar o grao de territorialización ou impacto urbano acadable polas actividades deste colectivo.
- Facer grafitis
- Ser activista
- Autoconstruír e autoxestionar espazos deportivos abertos ao común
- Un concepto extra: un caso en moitos sentidos máis desvinculado da condición autónoma ou informal, pero relevante porque se atopa nun proceso de resignificación que nos últimos anos transformou o seu capital simbólico dunha maneira moi sensible.
Imaxes das presentacións do proxecto realizadas en 2021 e 2022 | Descarga das imaxes (PDF / 105 MB)
A selección das prácticas estudadas baséase en dúas cuestións fundamentalmente: por unha banda, no seu grao de autonomía ou informalidade, entendendo así a aquelas actividades nas que a mediación do Estado e do mercado tende a cero, se non desde a perspectiva estrutural, si polo menos en termos prácticos; e por outra banda, na súa urbanidade, entendendo que o interese de cada caso estudado non son só as implicacións para as propias persoas maiores (a análise de como fan súa a cidade e vívena autonomamente, as súas propias culturas socioespaciais), senón tamén os seus impactos no territorio que as acolle, é dicir, as súas achegas á vida urbana derivadas tanto da súa realidade material e formal como das súas condicións sociais e políticas.
Ante a proposta capitalista de converter ás persoas maiores nun simple target de mercado máis para múltiples sectores económicos (saúde, seguros, pensións, banca, lecer, cultura, etc.), a resposta desde o campo do social parece bifurcarse en dúas grandes liñas máis ou menos introducidas no debate público. Por unha banda, desde a loita pola ampliación e a garantía de dereitos, formúlanse múltiples políticas públicas asistenciais e melloras en todos os campos relacionados coa calidade de vida durante a vellez: desde a reflexión sobre a necesidade de transformar o modelo de coidados e de tipoloxías de centros residenciais, á introdución de novos servizos e equipamentos públicos específicos ou os avances para garantir a accesibilidade universal do espazo urbano. E por outra banda, desde o rexeitamento á súa conceptualización como carga social e como colectivo asociado á falta de produtividade, comézanse a estudar e a valorar as súas achegas á sociedade en forma de coidados de netos/as ou persoas dependentes, de transmisión de coñecementos ou de apoio financeiro, chegando á conclusión de que son moitos os procesos sociais contemporáneos, tanto produtivos como reprodutivos, que non serían posibles sen a participación deste colectivo xeracional.
Este proxecto tenta tanto complementar estas dúas perspectivas de análise como abrir outra vía de pensamento, reformulando a abordaxe do dereito á cidade a partir do recoñecemento da axencia das persoas maiores na súa praxe urbana fronte á súa conceptualización como axentes pasivos receptores de servizos comerciais, políticas públicas asistenciais ou reconversión conceptual en figura produtiva para a reprodución social.
Neste sentido, é necesario mencionar que este estudo xurdiu como continuación dun proxecto de investigación sobre as residencias de maiores na área urbana da Coruña, un traballo autopromovido realizado entre 2020 e 2021 como achegamento a unha tipoloxía urbana que pasou do esquecemento ao centro do debate público durante a crise da COVID-19. Entre outras cuestións, este proxecto desvelou a necesidade de reflexionar, ademais de sobre as limitacións que impoñen as arquitecturas e urbanismos que definen ás residencias na actualidade, sobre a axencia e as calidades propias das formas de vivir a cidade das persoas maiores.
Así, este proxecto formula o estudo destas prácticas autónomas ou informais non só desde a perspectiva das necesidades e desexos populares que expresan de forma directa, senón desde a ambición de avanzar no coñecemento sobre a cidade contemporánea a partir da experiencia das persoas maiores: identificando os elementos e espazos urbanos que territorializan e reflexionando igualmente sobre as propias prácticas (moitas delas non exclusivas deste colectivo, polo que o seu estudo tamén permite avaliar a transversalidade social das mesmas), de forma que se facilite o seu recoñecemento como espazos e actividades cuxa lexitimidade lles permite participar en calquera debate ou conflito urbano que lles afecte.
Última actualización desta páxina (Versión): 21/03/2024 (V.01)
|