Roteiro Florestania
O pasado martes 24 de marzo volvemos percorrer o oleoduto da Coruña xunto a Damián Ucieda e ás xentes do proxecto Florestania - Sistemas de gobernanza comunal para a reparación territorial, coordinado por Paulo Tavares co apoio de Jon Aranguren e a facilitación do Centro de Arte FMJJ.
O proxecto Florestania é un dos cinco casos de estudio de Organismo 2026, un programa experimental de investigación aplicada impulsado por TBA21 e o Museo Nacional Thyssen-Bornemisza.
O paseo, no que xunto a Damián Ucieda comentamos os diferentes espazos e procesos urbanos arredor do percorrido do oleoduto, serviunos para revisitar estes lugares e seguir coñecendo a súa vida urbana e a súa evolución no tempo.
Entre os descubrimentos desta xornada, un dos máis interesantes e relacionados co caso de estudo Florestania foi o dun señor xubilado que corta a herba do oleoduto como parte do traballo dunha das hortas autónomas situadas entre este e a vía de ferrocarril no tramo de Casabranca. Cando chegamos ao punto no que os condutos pasan a estar soterrados puidémolo observar cortando herba na superficie do oleoduto e, como botamos un bo anaco comentando a evolución da impresionante gateira de Casabranca, vimos que pasaba de novo coa carretilla chea de herba e se dirixía a unha das parcelas a carón do oleoduto. Moi amablemente deixounos pasar e ensinounos os seus cultivos e os diferentes espazos do lugar, entre eles, a zona onde almacena a herba cortada para facer abono. Ao igual que as ovellas de Lolo no tramo da Cova, neste caso trátase tamén dun uso que non só non molesta a Repsol (a compañía propietaria e responsable do oleoduto), senón que seguramente o agradezan porque lles facilita o traballo de mantemento da súa superficie.
Esta vez non deu tempo a realizar o percorrido do oleoduto ao completo, só desde o paseo de San Diego xunto ao peirao petroleiro ata o punto de cruce coa estrada dos Baños de Arteixo. Compártense a continuación unhas pequenas notas sobre algúns dos espazos visitados e comentados durante o roteiro, principalmente sobre aqueles lugares que experimentaron cambios significativos desde a publicación do artigo "O oleoduto da Coruña: un espazo urbano do presente" (2022):
- O peirao petroleiro atópase xa en pleno proceso de transformación co derrubo de tres dos depósitos existentes na súa parte máis próxima á dársena de Oza.
- A gran gateira de Casabranca atópase moi ben mantida e segue a evolucionar tras o cambio das súas persoas responsables, xa que tras a gran transformación de 2024 foron introducidos novos elementos funcionais, informativos e decorativos.
- O espazo xuvenil no bosque entre a vía de ferrocarril e o oleoducto na zona de Casabranca - Monte das Moas atópase en bastante mal estado na actualidade, pero tamén chegou a evolucionar nos últimos tempos coa instalación dunha cuberta cunha lona plástica e dúas cadeiras de oficina.
- O pequeno espazo cuberto autoconstruído por un grupo de xubilados no Monte das Moas desapareceu (descoñécese o motivo).
- O tramo do Barrio das Flores onde se sitúan os columpios nas árbores conta agora tamén con dúas pequenas porterías de fútbol, igualmente de orixe popular.
- Baixo o viaduto da AC-14 en San Cristovo das Viñas xa non hai marcas nin elementos fixos que indiquen que viva alguén na actualidade.
- As ovellas e galiñas de Lolo seguen a pasar o día no tramo do oleoduto xunto á Cova.
* Como tantos outros proxectos de Ergosfera, este sobre o oleoduto da Coruña vai avanzando de xeito intermitente cando xorde algunha oportunidade de traballo, polo que o resto das fotografías realizadas durante este roteiro compartiránse cando poidamos desenvolver un visor con todas as imaxes do oleoduto recompiladas durante os últimos anos.









