FONDO
PRESENTACIÓN | | | |

Ergosfera somos unha cooperativa da Coruña dedicada á investigación urbana desde 2006. A través de diferentes prácticas profesionais desde campos como o urbanismo, a arte, o activismo ou a produción cultural, o noso traballo céntrase no desenvolvemento de proxectos de investigación sobre as formas de uso e urbanización do territorio contemporáneo, sempre desde unha perspectiva crítica pero curiosa e compartindo os resultados como coñecemento libre en busca de experimentación e debate.

O obxectivo de Ergosfera é xerar e soster conversas públicas sobre todo o relacionado coa cidade contemporánea a partir da problematización de certos presupostos disciplinares da arquitectura e o urbanismo, principalmente, en relación ao común, ao popular, ao ordinario, ao informal, ao inacabado, ao conflitivo ou ao xenérico.

Os nosos proxectos teñen sempre un compoñente importante de traballo de campo, produción gráfica, cartográfica e fotográfica, así como de actividades públicas, tanto para a devolución dos resultados, como para a participación e coprodución coas persoas interesadas e/ou afectadas cando as condicións do contexto o permiten.

A maioría dos nosos proxectos desenvolvéronse a través de convocatorias e encargos de administracións públicas e todo tipo de institucións culturais e académicas, aínda que tamén desenvolvemos moitos outros desde a autoxestión e a colaboración con redes investigadoras, activistas, artísticas e populares da nosa contorna.

Os intereses de Ergosfera abarcan unha gran cantidade de escalas e temáticas, pero sempre no entrecruzamento entre o social e a arquitectura, o urbanismo e o territorio desde o diálogo con outras disciplinas e saberes humanos.

Formamos parte da rede Arquitecturas Colectivas e somos partidaries da cidade.

Ergosfera | 2006 – 2026
Aviso legal Política de privacidade Política de cookies Condicións de uso