A páxina web que estivo operativa entre xuño de 2006 e abril de 2026 foi deseñada, programada e mantida por Ergosfera, inicialmente por Borja Díaz Carro. Era unha web moi sinxela, desenvolvida con HTML e CSS básicos e cunha estrutura moi simple baseada en páxinas estáticas enlazadas entre si, sen lóxica nin interfaces complexas.
A partir de 2017, contamos coa colaboración de Edu Poch (estudiocaravana) para o desenvolvemento de varias cartografías dixitais e páxinas web de proxectos concretos, así como para a consulta de todo tipo de dúbidas de programación relacionadas coas pequenas melloras que se foron introducindo na web ao longo destes anos.
En 2022 comezamos a traballar con Edu Poch e Javier Garrido (estudiocaravana) no deseño desta nova páxina web. Tras moito tempo de traballo intermitente e de recompilación e estruturación de todos os contidos pola nosa parte, finalmente deseñaron unha páxina web construída sobre Kirby CMS (un sistema baseado en arquivos planos sen base de datos), desenvolvida en PHP con Tailwind CSS para o deseño responsive e JavaScript para as interaccións. Unha plataforma que dispón dunha estrutura modular de plantillas (templates e snippets reutilizables) e un sistema de campos personalizados que permite organizar información complexa e xestionar os contidos de múltiples formas.
A partir deste código, desde Ergosfera retomamos o deseño para adaptalo formalmente ao noso traballo e para introducir novas funcións e apartados que só foi posible imaxinar e implementar grazas a esta nova estrutura e sistema de xestión de contidos desenvolvidos por estudiocaravana. Dado que non temos coñecementos de programación máis alá de levar 20 anos mantendo unha web moi básica, estes cambios e ampliacións foron desenvolvidos co editor de código aberto Visual Studio Code co apoio de GitHub Copilot en modo Agent, utilizando o modelo de linguaxe Claude Sonnet 4.5 (Anthropic) como ferramenta de asistencia para a xeración e revisión de código.
Esta nova web concebiuse coa mesma condición de arquivo e repositorio que a orixinal, co dobre obxectivo de funcionar como plataforma para compartir todos os materiais producidos desde a máxima vontade de transparencia e devolución, pero tamén como unha ferramenta de traballo para o día a día de Ergosfera que nos permite navegar e revisar un volume de información que xa comezaba a ser inmanexable. Así pois, non podemos estar máis que agradecidos a Edu e a Javi pola súa paciencia durante estes anos e por ter construído unha ferramenta que nos serve para documentar e para imaxinar: unha máquina para pensar e desexar facer.
A versión beta desta nova páxina web foi publicada o 10 de abril de 2026. Desde ese momento estamos completando os contidos e introducindo melloras no deseño da páxina. A última actualización realizouse o 19/10/2026.