PROYECTO     ·     DOCUMENTO     ·     PRESENTACIÓN     ·     TEXTOS     ·     TARGET CCTV












ERGOSFERA   ·   JOSÉ ÁNGEL BRANDARIZ   ·   MAN HAUSER   ·   RENATO NÚÑEZ





De cámaras CCTV e obsesións colectivas

José Ángel Brandariz
Universidade da Coruña / Grupo de investigación ECRIM



Que hai ao outro lado dun cámara de vixilancia urbana (CCTV, polo frecuente acrónimo en inglés)? Se un, na liña dunha bela imaxe do filme Vacas (J. Medem, 1992), puidese mirar ao outro lado dunha CCTV empregada para o control urbano vería moitos elementos relevantes do noso actual xeito de vida colectiva. Sen dúbida vería a súa innegable influencia na redefinición das cartografías cidadás, condicionando fluxos e usos do urbano, e pretendendo unha visibilidade constante dos espazos comúns. Vería tamén os coñecidos problemas que o seu emprego xera en materia de garantía da intimidade e privacidade das persoas. Do mesmo xeito, podería tamén ver a relevancia que ten a evolución tecnolóxica nas transformacións dos modos de pensar e conxugar a vida colectiva.

Non obstante, se un puidese mirar a través dunha CCTV, vería algo máis. Seguramente podería percibir tendencias de pensamento do social que escapan a unha ollada superficial a unha desas cámaras. Lograría responder a preguntas xenealóxicas e teleolóxicas que comezasen por para que ou por que.

Podería se cadra intuír que a tecnoloxía incide de xeito manifesto sobre os xeitos de conformar o vivir en común, pero que é dubidoso que sexa capaz por si soa de sobredeterminar o social. As CCTVs colonizan as nosas cidades porque o noso modo de existencia as ten convocado. Un modo de existencia obsesionado, evidentemente, pola hipervisibilidade constante, como se tivésemos logrado, dous séculos despois, facer realidade a distopia panóptica benthamiana, só que non nun pequeno espazo de reclusión e castigo, senón en boa parte dos espazos públicos (e privados).

Esa distopia benthamiana se ten feito realidade nun tempo caracterizado polos temores e pola omnipresencia da idea de risco. As sociedades probablemente máis seguras da Historia son tamén as mais obsesionadas polo risco, isto é, pola probabilidade de verificación de perigos que podan ameazar aos diversos aspectos da nosa seguridade, individual e colectiva.

Do mesmo xeito, a distopia do vixilancia mediante CCTVs nos fala dunhas ansiedades de control relacionadas coa transformación do tempo e do espazo. Como ben apuntara Deleuze, os temores contemporáneos reclaman un control ubicuo e just in time (inmediato), que sexa quen de gobernar a distribución das zonas de inclusión e exclusión que estrían os mapas do urbano. Todo iso, tanto ou mais que a tecnoloxía, é o que nos ten feito dar vida ao panóptico cidadán das CCTVs.

Ao outro lado dunha cámara CCTV estamos nós. Nós, e as nosas obsesións colectivas.


Novembro de 2013




Créditos     ·     Medios