PROYECTO     ·     DOCUMENTO     ·     PRESENTACIÓN     ·     TEXTOS     ·     TARGET CCTV












ERGOSFERA   ·   JOSÉ ÁNGEL BRANDARIZ   ·   MAN HAUSER   ·   RENATO NÚÑEZ





Compostela: mostra da inaplicación da normativa sobre videovixilancia para lograr a "sensación subxectiva de seguridade"

Renato Núñez
CIG / Dereitos Civís



As cámaras de videovixilancia de Compostela son un exemplo da inutilidade duns dispositivos que, en teoría, teñen por obxectivo garantir a seguridade cidadá, máis que entra en conflito co dereito á imaxe das persoas (artigo 18 da CE) que circulan polas súas rúas. Ese conflito fai que exista unha normativa específica que deixa moi claro cales son as condicións que se deben dar para a instalación deses dispositivos.

Na cidade non se cumpriron e seguen sen cumprirse moitos dos requisitos. As cámaras de videovixilancia foron adxudicadas no 98, un ano antes da súa autorización, cando a norma non permite a súa posta en funcionamento nesas condicións. Deixouse caducar a autorización e mantivéronse funcionando as cámaras sen os perceptivos permisos.

A pesar das numerosas incorreccións detectadas durante o proceso de instalación das cámaras, o máis grave é a falta dos principios de idoneidade e proporcionalidade que xustificarían a existencia deses dispositivos nas nosas rúas.

As cámaras non son proporcionadas para evitar os delitos na nosa cidade, pois Compostela ten uns índices baixísimos de delincuencia e vandalismos segundo as estatísticas da Delegación do Goberno e, polo tanto, a mera vixilancia dos Corpos e Forzas de Seguridade debería ser suficiente para garantir a convivencia e seguridade nesta cidade.

Por outro lado, non semella que as videocámaras sexan idóneas para os fins perseguidos, pois non son eficaces para evitar os pequenos furtos e actos de vandalismos que se seguen dando en Compostela. Tanto é así que na Praza do Obradoiro, con varias cámaras de videovixilancia, xa desapareceu en dúas ocasións unha placa conmemorativa que se encontra anclada no centro da praza. Por outro lado, na Praza do Toral, déronse roubos sen que as cámaras serviran para identificar os responsables.

Mesmo chegáronse a utilizar cámaras de tráfico, quen non necesitan autorización para a súa instalación, para gravar concentracións de sindicatos vulnerando claramente o obxectivo das mesmas.

É máis, déronse varios casos nos que se solicitaron o acceso ás gravacións para aclarar situacións de furtos sen que o Concello de Compostela permitira o acceso ás imaxes alegando que as cámaras non estaban funcionando.

Sen embargo, nalgunha das veces que se puido acceder ao centro de pantallas das cámaras da cidade púidose ver perfectamente como as cámaras funcionan. Permitindo o visionado e gravación de todos os nosos movementos polo centro. Como paseamos coa nosa familia, con quen falamos, onde compramos. Inmortalizando as situación máis ridículas ou comprometidas que calquera de nós pode sufrir cada día.

Serve apenas como un Grande Irmán que almacena o noso que facer diario para a utilización indebida ou non de quen ten acceso ás mesmas. Feito que a maioría dos cidadáns afirman ser irrelevante máis que, sen embargo, cando un se ve involucrado persoalmente se dá conta do inxusto e preocupante que pode resultar que che graven dando un simple bico nunha estación de tren, como a túa desgraza pode transformarse nun espectáulo televisivo emitido polos telexornais ou como o goberno de turno utiliza eses dispositivos para enterarse de con que funcionarios falan os concellais da oposición.


Novembro de 2013




Créditos     ·     Medios